Unha ampla delegación do sector turístico de Sanxenxo encabezada polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e a coordinadora de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández, participan en dúas reunións de negocios con máis de 70 axencias de viaxes nas Palmas e Tenerife.
As citas organizadas polo Clúster de Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia teñen como obxectivo estimular a chegada de novos visitantes. As illas son un destino turístico de referencia, pero con gran potencial para converterse tamén nun emisor de turistas con destino a Galicia tanto polas comunicacións aéreas directas como pola paisaxe, a gastronomía e o clima.
Sanxenxo participa na cita con mesa propia de Turismo de Sanxenxo, o novo material promocional e información do destino. Ademais, colabora nos sorteos organizados entre as axencias de viaxes cunha estancia para 2 persoas nun dos aloxamentos hostaleiros do municipio.
Fernández destacou a boa acollida do destino Sanxenxo e a popularidade da que xa goza en ambas as illas destacando como un dos lugares vacacionais máis demandados, segundo as axencias de viaxes presentes nas citas.