Sanxenxo promociónase como destino turístico ante axencias de viaxes de Las Palmas e Tenerife

Sanxenxo
11 de maio 2022

Unha ampla delegación do sector turístico e a coordinadora de Turismo de Sanxenxo participan nunha reunión de negocios con axencias de viaxes nas illas

Actividade promocional de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Unha ampla delegación do sector turístico de Sanxenxo encabezada polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e a coordinadora de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández, participan en dúas reunións de negocios con máis de 70 axencias de viaxes nas Palmas e Tenerife.

As citas organizadas polo Clúster de Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia teñen como obxectivo estimular a chegada de novos visitantes. As illas son un destino turístico de referencia, pero con gran potencial para converterse tamén nun emisor de turistas con destino a Galicia tanto polas comunicacións aéreas directas como pola paisaxe, a gastronomía e o clima.

Sanxenxo participa na cita con mesa propia de Turismo de Sanxenxo, o novo material promocional e información do destino. Ademais, colabora nos sorteos organizados entre as axencias de viaxes cunha estancia para 2 persoas nun dos aloxamentos hostaleiros do municipio.

Fernández destacou a boa acollida do destino Sanxenxo e a popularidade da que xa goza en ambas as illas destacando como un dos lugares vacacionais máis demandados, segundo as axencias de viaxes presentes nas citas.