Un ano máis Sanxenxo participa na feira World Travel Market de Londres, unha das máis importantes do mundo, dentro da caseta de Turismo de Galicia.
Unha ampla delegación de Sanxenxo desprazouse á capital inglesa co obxectivo de aproveitar as conexións aéreas directas entre Londres e Galicia, potenciar no mercado británico a imaxe de marca de Sanxenxo e facilitar futuros acordos e posicionarse a nivel internacional.
Desde a delegación de Sanxenxo comentaron que a medio e longo prazo este destino tamén terá a oportunidade de "captar turistas ingleses que fuxan das noites tórridas e os días de máis de 40 graos que o cambio climático está a provocar no mediterráneo". Ademais, apuntaron que "os ingleses se interesan moito polo turismo de natureza e ornitolóxico, a gastronomía e o patrimonio".
Pero, neste momento, "queda moito traballo por facer" para incrementar a cifra de viaxeiros ingleses. Os datos indican que só o 9% dos visitantes de Sanxenxo proceden doutros países. Destacan portugueses e séguenlle, a moita distancia, franceses, alemáns e estadounidenses, mentres que a cifra de ingleses supón menos do 2% do total dos visitantes internacionais.