Ás voltas co servizo municipal de emerxencias en Sanxenxo, o alcalde, Telmo Martín, lanzou este venres unha proposta para incrementar esta cobertura no municipio.
Nun almorzo informativo cos xornalistas, Martín deslizou que o seu goberno estaría disposto a acoller unha subsede do parque comarcal de bombeiros de Ribadumia.
O obxectivo desta proposta, que chegado o caso deberá de ser estudada e aprobada polo consorcio provincial contra incendios, é que esta subsede cubra máis aló de Sanxenxo.
O rexedor entende que, pola situación xeográfica do seu municipio, este novo parque de bombeiros podería atender tamén emerxencias no Grove, Poio e Meaño.
A idea é que o custo dese servizo repártase entre todos os beneficiados.
"É o que ten que ser", sostivo Telmo Martín, que mesmo chegou a avanzar que o Concello estaría disposto a ceder unha parcela no polígono de Nantes para que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, a través do consorcio, sitúen este equipamento.
Respecto da decisión do executivo municipal de suspender o seu servizo de emerxencias entre o once da noite e o sete da mañá, polo menos nos meses de inverno, Martín defendeu que se trata dunha medida para optimizar o seu funcionamento.
Nestes meses, en horario nocturno, rexístranse "apenas un 3%" de todas as emerxencias, polo que asegura que non ten sentido que o servizo estea activo as 24 horas "para estar encerrados no parque".
No caso de que suceda nesas horas unha traxedia que deban atender "se lles pode pedir que veñan", xa que se mostrou convencido de que o farán ao ser "persoas comprometidas".
Ademais, o alcalde defendeu que, nos últimos anos, o Concello non só mantivo o servizo, senón que se respectou o salario e os dereitos dos traballadores do servizo municipal de emerxencias.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.