Sanxenxo propón un novo roteiro interior como Sendeiro Azul: do Con da Romaíña ao Con da Ventureira

Sanxenxo
22 de setembro 2025
Actualizado: 24 de setembro

Desde a Concellaría de Turismo e Praias xa se puxo en marcha a creación de cartelaría e sinalización específica

Pazo Bermúdez de la Maza
Pazo Bermúdez de la Maza / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo aposta firme por mostrar que non só de costa vive o municipio. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, anunciou que proporá a ruta que une o Con da Romaíña co Con da Ventureira para obter o distintivo Sendeiro Azul, un selo de calidade que recoñece os camiños que combinan natureza, historia e sustentabilidade.

A ruta, de 3,98 quilómetros e cunha elevación media de 77 metros, parte desde o río Besada, no parque empresarial de Nantes, e atravesa paraxes cargadas de encanto e historia como o Pazo Bermúdez de la Maza, ata chegar ao Con da Ventureira. No camiño, os visitantes poderán coñecer recunchos ligados a lendas locais como A lenda da moura ou a de Manolito e a serpe, historias que forman parte da alma do municipio.

Ademais, este Sendeiro conecta, a só uns metros, coa Ruta dos Carballos de Aldariz, o que permitirá a senderistas e amantes da natureza gozar de case 10 quilómetros de percorrido entre carballos centenarios, patrimonio cultural e paisaxes de ilusión.

Desde a Concellaría de Turismo e Praias xa se puxo en marcha a creación de cartelaría e sinalización específica, que axudará a orientar ao visitante e a destacar os puntos máis relevantes da ruta con paneis informativos.

Con esta nova proposta, Sanxenxo contaría con tres Sendeiros Azuis no seu interior: Ruta do Río Pintillón (Dorrón), Ruta dos Carballos de Aldariz e a nova: Con da Romaíña – Con da Ventureira.

A estes súmanse o seis xa existentes no litoral: Areas – Punta Festiñanzo, Canelas – Punta Cabicastro, Montalvo – Major, Paxariñas – Montalvo, Sanxenxo – Portonovo e o Sendeiro Máxico da Lanzada.

O distintivo Sendeiro Azul é un recoñecemento outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) que premia o esforzo por conservar e pór en valor camiños naturais, transformándoos en espazos ideais para o lecer sostible, a educación ambiental e o turismo activo. Para conseguir esta distinción, as rutas deben cumprir criterios que valoran desde a sinalización e a infraestrutura ata a conservación da contorna e a divulgación do patrimonio natural e cultural.