Sanxenxo recada case medio millón de euros en 2017 polo parking do porto

Sanxenxo
17 de xaneiro 2018

No informe presentado por Nauta, contabilizáronse un total de 211.657 tickets expedidos en 2017, o que supón un incremento de 15.556 tickets con respecto ao 2016. Días como o 19 de agosto ou o 4 de setembro destacan no calendario polos máis de 1.200 usuarios rexistrados

Aparcamento do porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo
Aparcamento do porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo / Mónica Patxot

A recadación do parking do porto deportivo de Sanxenxo alcanzou os 472.762 euros durante o pasado ano 2017. Son case 20.000 euros máis que o exercicio anterior.

No informe presentado por Nauta, contabilizáronse un total de 211.657 tickets expedidos en 2017, o que supón un incremento de 15.556 tickets con respecto ao 2016. Días como o 19 de agosto ou o 4 de setembro destacan no calendario polos máis de 1.200 usuarios rexistrados. 

A estes datos hai que sumar as 5.326 entradas rexistradas no parking superior da Praza do Mar, que entrou en funcionamento este verán cunha recadación estimada de 17.000 euros.

A estancia media dos vehículos no parking é de case dúas horas, sendo máis elevada en meses como agosto con 2 horas e 40 minutos de media, e máis baixa en xaneiro, con 1 hora e 20 min de estancia media. 

Un total de 2.250 persoas, por outra banda, usaron o alcoholímetro desde a súa instalación no aparcadoiro do porto deportivo. 

Este dispositivo, que tivo un custo de 900 euros, foi instalado co fin de comprobar se a persoa que fai uso do supera ou non a taxa do alcol permitida pola lei.

O lugar elixido para a súa colocación foi unha das entradas do parking, xunto á máquina de pago de tickets, por ser esta a zona na que se concentra principalmente a movida do municipio. 

Esta iniciativa tivo como obxectivo principal concienciar ao condutor da incompatibilidade entre o consumo de alcol e a condución.