Sanxenxo recibe preto de millón e medio de euros de fondos europeos para rehabilitar o Pazo Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo
26 de outubro 2022

O proxecto de mellora de eficiencia enerxética, climatización e accesibilidade ten un custo total de 1,8 millóns de euros

Recreación do proxecto de reforma do Pazo Emilia Pardo Bazán
Recreación do proxecto de reforma do Pazo Emilia Pardo Bazán / Concello de Sanxenxo

Importante inxección económica de fondos europeos a que recibirá Sanxenxo para o seu proxecto de optimización e mellora integral do Pazo Emilia Pardo Bazán.

En total o Concello recibirá 1.479.775 euros procedentes do programa europeo de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos, asumindo a administración local os 354.950 euros restantes ata un total de 1,8 millóns de euros.

Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución estimado de 14 meses.

Durante este tempo os traballos centraranse na mellora da envolvente térmica do edificio, a optimización dos sistemas de climatización, o aforro enerxético a través das luminarias ou o consumo de auga, medidas de illamento acústico, solucións de accesibilidade sensorial e cognitiva no auditorio e integración do edificio coa súa contorna.

O obxectivo, asegura o Concello de Sanxenxo, é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a revisión e mantemento das terrazas e patios exteriores.

No que respecta ás medidas de illamento acústico, acometeranse nas zonas de biblioteca, salas de ensaio, sala de música. Ademais, plantéxase unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes.

En canto a eficiencia enerxética, o proxecto supón un aforro estimado de 52,28% en consumo enerxético e do 59,13% en emisións CO2 en procura de solucións que conduzan a un consumo case nulo.