Boas noticias para Sanxenxo. O proxecto para reconverter o antigo colexio do Cruceiro, en Vilalonga, nun centro sociocultural, terá o apoio de fondos europeos. Para esta ambiciosa actuación chegarán 1,95 millóns de euros do plan coñecido como PIREP local.
O municipio foi un dos beneficiados deste programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos, xestionado en España polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana para fomentar rehabilitacións sostibles en inmobles de uso público.
Tras a derriba de catro dos edificios do vello complexo educativo, o Concello mantivo en pé un quinto inmoble, construído en 1996 e que se atopa en bo estado.
Ese será a base do novo proxecto, para o que o goberno municipal estima un investimento de 3 millóns de euros. Ten 1.820 metros cadrados construídos e a rehabilitación está pensada para crear un espazo lúdico e multidisciplinar para o uso diario dos veciños.
Así, o proxecto deseñado pola arquitecta Irene Campo contempla na planta baixa un espazo de 360 metros cadrados, que se destinará a edificio sociocultural con cafetería, escenario, zona de baile, camerino e servizos. Na planta baixa tamén se instalará unha nova biblioteca.
Cada unha destas dependencias ten a súa entrada independente e totalmente accesible.
Por encima da planta baixa haberá dúas plantas máis cunha superficie de 550 metros cadrados cada unha, que se destinarán a outros usos educativos.
O proxecto tamén prevé a ordenación urbanística de toda a parcela do colexio (4.620 metros cadrados) que dispoñerá de espazos públicos con xardíns e elementos lúdicos.
O obxectivo é que o antigo colexio se converta nun equipamento multixeracional para maiores, estudantes, nenos e familias en xeral. Así, ademais de ser un centro sociocultural, acollerá un ciclo de FP de Hostalería e Turismo e unha biblioteca.