Sanxenxo recicla máis de 31 toneladas de roupa usada a través de Humana en 2017

Sanxenxo
15 de xaneiro 2018

O téxtil é a fracción recollida selectivamente con maior potencial de aproveitamento por encima do vidro, o papel ou o plástico

Colectores de textil
Colectores de textil

Humana Fundación recuperou en Sanxenxo 34.445 quilos de téxtil usado o pasado ano 2017.

As doazóns representan un aumento do 12,36% respecto ao ano anterior (27.987 quilos), confirmando a fidelidade da cidadanía cara a un modelo de xestión do residuo téxtil con finalidade social. O téxtil é a fracción recollida selectivamente con maior potencial de aproveitamento por encima do vidro, o papel ou o plástico.

Desde o concello constatan que cada vez hai máis interese por parte da cidadanía e das administracións por reducir a cantidade de residuos e alongar a vida daquelas pezas que están en bo estado. Mediante a recuperación da roupa usada, conséguese diminuír o volume de residuos impropios que acaban noutras fraccións, ademais de posibilitar a reutilización e recuperar materias primas.

Faise para dotar a eses recursos dun fin social, xa que as pezas que se refugan son un activo que, xestionado debidamente, convértese en motor de progreso en España e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio sur.

A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen ao aforro de recursos, a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Reducen os residuos nos depósitos controlados e en plantas incineradoras, así como a emisión de gases de efecto invernadoiro. Cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea.

As máis de 31 toneladas recollidas en 2017 representan un aforro de 99 toneladas de CO2 á atmosfera, cousa que o planeta agradece.