Sanxenxo reduce a súa débeda en máis de dous millóns de euros no último ano e medio

Sanxenxo
16 de agosto 2020

O goberno de Telmo Martín indica que continúa reducindo a débeda para situala en máis de 2 millóns de euros, malia que se realizaron investimentos importantes durante os últimos anos. Calcula que a finais de 2020, a débeda baixará dos 1,8 millóns de euros e vai achegarse ao 8% dos ingresos ordinarios, máis de 65 puntos por debaixo da máxima capacidade de endebedamento permitida

Pleno de investidura do Concello de Sanxenxo
Pleno de investidura do Concello de Sanxenxo / PontevedraViva

O goberno local de Sanxenxo afirma que en 2019 e durante o primeiro semestre de 2020, o municipio reduciu a súa débeda en 2 millóns de euros. Desta forma, sitúa a débeda actual en 2.050.000 euros.

Esta cifra obtense entre as amortizacións ordinarias que se contemplaron nos orzamentos destes dous anos e as amortizacións extraordinarias que se levaron a cabo a través do remanente de tesourería do ano 2018. A cifra actual da débeda, supón un 9,96% dos ingresos ordinarios que ten o Concello e que ascenden a 20,6 millóns de euros.

Segundo as previsións do goberno que lidera Telmo Martín, a finais de 2020 a débeda baixará dos 1,8 millóns de euros e roldará o 8% dos ingresos ordinarios. Isto supoñería situarse máis de 65 puntos por baixo da máxima capacidade de endebedamento que permite a Lei de estabilidade orzamentario aos municipios, que se sitúa no 75% dos ingresos ordinarios correntes.

Desde o Concello afirman que Sanxenxo conta cunha situación económica e financeira moi boa. Por este motivo, sinalan que utilizarán recursos propios para afrontar os próximos anos nos que se prevén gastos extraordinarios derivados da actual crise sanitaria e económica.

Telmo Martín indica que a redución da débeda sitúase en 7 millóns de euros desde 2016 e que non se solicitou ningún crédito novo no últimos tres anos, a pesar de realizar investimentos en proxectos como a humanización da PO-308, o colexio de Vilalonga, o Pazo de Quintáns, a rúa Progreso ou a mellora de parques de  Vicaño, Panadeira e Espiñeiro, entre outros. Estas actuacións supuxeron investimentos de máis de 28 millóns de euros. Segundo explica, nestes proxectos por cada millón de euros que achega o Concello de Sanxenxo, o resto de administracións invisten 5 millóns para a súa execución.