Sanxenxo remodelará o exterior e o interior da praza de abastos de Portonovo

Sanxenxo
16 de abril 2020

A praza de abastos de Portonovo, un dos núcleos de maior actividade do municipio, sufrirá unha profunda remodelación interior e exterior. Así o anunciou o  Concello de Sanxenxo, que cifra en 41.245 euros o investimento previsto para esta actuación

Praza de abastos de Portonovo
Praza de abastos de Portonovo / Concello de Sanxenxo

A praza de abastos de Portonovo, un dos núcleos de maior actividade do municipio, sufrirá unha profunda remodelación interior e exterior. Así o anunciou o Concello de Sanxenxo, que cifra en 41.245 euros o investimento previsto para esta actuación.

Para executar a obra, o goberno municipal tramitou unha axuda ante a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que asumirá o 80% do custo total.

O proxecto contempla a construción de aseos adaptados, novo revestimento de postos de venda de peixe, a renovación dos remates de cuberta de aluminio, o cambio de reixa de porta principal de acceso, a limpeza de pedra en fachadas e hidrofugado da mesma, a selaxe de novo de carpinterías exteriores e o pintado de paramentos interiores. 

O prazo de execución previsto para esta reforma é de dous meses.

Ademais, o Concello está tamén pendente do resultado do concurso de ideas convocado para a renovación da praza de abastos de Sanxenxo.

O goberno local modificará o edificio do actual mercado para dotalo dun estacionamento que sirva para atender as necesidades de estacionamento dos seus clientes e do resto da contorna urbana.

A liberdade creativa para este concurso de ideas é absoluta, pero o proxecto deberá contemplar obrigatoriamente un aparcamento, unha primeira planta para o mercado e outra planta superior de usos múltiples para degustación de produtos do mar e da horta.