Un total de 256 mozos de Sanxenxo benefícianse xa das vantaxes que ofrece a tarxeta Xente Nova posta en marcha desde a Xunta de Galicia que permite a gratuidade no transporte público a menores de 21 anos. O de Sanxenxo é o cuarto municipio de Galicia con maior demanda desta tarxeta.
A tarxeta Xente Nova pódese solicitar na páxina web solicitudonline.abanca.com/Tarxetas/gl/txn. Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca máis próxima para recollela de forma gratuita presentando unicamente o DNI. No caso dos menores de idade, terá que ser o adulto responsable o solicitante.
Para recibir a bonificación en cada viaxe, o solicitante só deberá introducir a tarxeta en calquera caixeiro Abanca e automaticamente recibirá o abono das viaxes realizadas. Todas as viaxes interurbanas reembolsaranse cada 15 días, ata un máximo de 60 viaxes mensuais. O importe dos reembolsos cargaranse, segundo a tarifa aplicada, en cada momento.
Na ligazón de Tarxeta Xente Nova da web da Xunta pódese consultar o estado das bonificacións ás que o usuario ten dereito pola súa utilización.