Sanxenxo 'saca peito' do que foi o terceiro mellor verán da súa historia

Sanxenxo
03 de setembro 2021

Preto estivo Sanxenxo de pechar un verán récord. Polo menos, no que ocupación turística se refire. E é que, segundo destacou este venres o seu alcalde, Telmo Martín, o de 2021 foi o terceiro mellor verán da súa historia. Só lle superaron os de 2019 e 2016

Telmo Martín, nun almorzo informativo cos medios
Telmo Martín, nun almorzo informativo cos medios / Concello de Sanxenxo

Preto estivo Sanxenxo de pechar un verán récord. Polo menos, no que ocupación turística se refire. E é que, segundo destacou este venres o seu alcalde, Telmo Martín, o de 2021 foi o terceiro mellor verán da súa historia. Só lle superaron os de 2019 e 2016.

De todo o norte peninsular "somos os que menos baixamos en xullo", con algo máis de 175.000 pernoitas, só un 8% menos que en 2019. Sanxenxo situouse ademais moi por encima de Santiago e Vigo, as dúas cidades galegas con máis movemento turístico.

E en agosto as cousas foron mesmo moito mellor. A falta dos datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE), o sector apunta a unha ocupación media do 87%, apenas tres puntos menos que antes da pandemia. Nas vivendas turísticas houbo cheo absoluto.

"Sanxenxo soubo superar as dificultades da pandemia", sinalou Martín, que defendeu que a actividade turística "cando se fai con sentidiño" é completamente segura.

Ademais, o alcalde sinalou que as perspectivas para os meses de setembro e outubro son boas. "Hai moitas reservas", destacou, algo que corroboran os datos de emprego.

A taxa de paro en agosto caeu ata o 7,73% da súa poboación activa, con 610 desempregados, menos que no mesmo período de hai dous anos, o que demostra que o sector ampliou os contratos dos seus traballadores para os próximos meses.

O terceiro dato que acredita o bo verán que tivo Sanxenxo, segundo o seu rexedor, é o dos consumos dos seus habitantes, residentes e turistas.

O aparcadoiro do porto deportivo recadou algo máis de 277.000 euros no últimos tres meses, cifra moi próxima aos 296.000 euros de 2019 e que, asegurou Telmo Martín, superouse este ano se non se habilitaron os sete aparcamentos disuasorios.

Ademais, recolléronse 4.934.840 quilos de lixo -fronte aos 5 millóns de hai dous anos- e o consumo de auga bateu récords e situouse nos 900.364 metros cúbicos.