Sanxenxo selecciona 26 auxiliares de Policía Local para reforzar o servizo entre xuño e setembro

Sanxenxo
18 de maio 2026

Un total de 73 aspirantes presentáronse a un proceso selectivo que constou dunha parte teórica e outra práctica

Proceso selectivo para as prazas de auxiliar de policía local en Sanxenxo
Proceso selectivo para as prazas de auxiliar de policía local en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo prepara o reforzo da Policía Local para os meses de verán, nos que tradicionalmente se multiplica a súa poboación.

Neste sentido, e por segundo ano consecutivo, organizou un proceso de selección para incorporar 26 auxiliales de Policía Local.

O obxectivo deste proceso é garantir na medida do posible un maior coñecemento do termo municipal e das necesidades do propio corpo tendo en conta as características especiais de Sanxenxo.

Á convocatoria apuntáronse 82 persoas, aínda que finalmente só se presentaron 73 aspirantes.

O proceso constaba dunha parte teórica e outra práctica.

Os auxiliares pasarán a reforzar entre os meses de xuño e setembro o persoal fixo da Policía Local, formada por 23 policías e 5 auxiliares fixos descontinuos.

Os aspirantes superaron tres probas incluídas no proceso de selección: Un cuestionario de 50 preguntas tipo test, unha proba de coñecemento de galego e outra centrada nas súas aptitudes físicas.

Agora, os que pasaron o proceso de selección deben completar un curso teórico-práctico obrigatorio, impartido pola Agasp, para poder ser contratados, e que consta de 24 horas presenciais.

As probas prácticas realizáronse no campo de fútbol de Baltar e as teóricas, no salón de actos do Auditorio Emilia Pardo Bazán.

Informa o Concello de Sanxenxo que os primeiros 13 auxiliares de policía incorporaranse o 15 de xuño ao servizo, mentres que os outros 13 farano a partir do 1 de xullo.