Sanxenxo selecciona os seus 'Mitch Buchannon'

Sanxenxo
13 de maio 2015

A praia de Silgar acolleu as probas físicas dos aspirantes a ocupar os postos de socorrista nos areais do municipio durante a tempada estival. Presentáronse 69 candidatos para 52 prazas, a repartir entre socorristas e sanitarios

Selección de socorristas na praia de Silgar
Selección de socorristas na praia de Silgar / PontevedraViva

O Concello de Sanxenxo celebrou durante a mañá deste mércores as probas de selección de persoal para reforzar durante o verán o Servizo de Vixilancia de Praias.

Ademais dun exame teórico no Pazo Emilio Pardo Bazán, os aspirantes aos postos de socorrista tiveron que enfrontarse a unha esixente proba física.

Primeiro acudiron á praia de Montalvo, pero a forte ondada que dificultaba a instalación das boias no mar, obrigou a trasladar a infraestrutura ata Silgar.

Á convocatoria presentáronse 69 candidatos, 58 deles socorristas e 11 sanitarios, para ocupar as 52 prazas ofertadas.

O goberno local destina este ano preto de 200.000 euros para a contratación de persoal de vixilancia nas praias, coa previsión de activar o servizo durante todo o verán, incluíndo en función da climatoloxías a última semana de xuño e a primeira quincena de setembro.