Sanxenxo soterra a liña de media tensión no Revel

Sanxenxo
15 de outubro 2020

A empresa adxudicataria iniciou este xoves os traballos de replanteo da obra que terá un custo de 46.790 euros

Obras de soterramento da líña de alta tensión no Revel
Obras de soterramento da líña de alta tensión no Revel / Concello de Sanxenxo

Cos traballos de replanteo arrancou este xoves no Revel a obra de soterramento da liña de media tensión que sobrevoa todo o ámbito no que se sitúa o centro de saúde de Vilalonga, as dúas garderías e o novo colexio.

A empresa adxudicataria, Elecnor, é a encargada da obra que conta cun prazo de execución de dous meses e un investimento de 46.790 euros.

Os traballos centraranse no tendido baixo tubo da liña trifásica subterránea como paso previo ao proxecto de urbanización que sairá en breve a licitación despois que o pasado mes de setembro aprobárase en pleno o estudo de detalle para o axuste de rasantes da urbanización no ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotacións na zona do Revel.

O goberno local xa ten listo o proxecto para executar a urbanización do Revel que está valorado en 1.259.495 euros. A obra, financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2020 e de fondos propios municipais, é unha prioridade para o goberno local, pois é clave para a recepción do colexio que se atopa en plena construción e servirá para vertebrar a maior bolsa de equipamento público coa que Sanxenxo conta na actualidade.

Os 73.164 metros cadrados do Revel distribúense en rede viaria, 10.022 metros cadrados; parcela do novo colexio, 14.333 metros cadrados; espazo da gardería, 4.560 metros cadrados; equipamento deportivo, 19.566 metros cadrados; zonas libres, 24.686 metros cadrados.

A zona conta cun acceso que é insuficiente e por iso a rede viaria será mellorada cunha nova ordenación na que se contempla un vial principal e dous secundarios, así como o acondicionamento de aparcamentos e espazos libres públicos, incluída a explanación e pavimentación da calzada. A obra contempla, ademais, a dotación da rede de abastecemento de auga, así como as instalacións de rega e os hidrantes contra incendios.