Sara Couso, estudante de Dirección e Xestión Pública, elabora un plan de melloras para Zona Monumental

Pontevedra
20 de xullo 2024

Couso incide na importancia de "identificar novas vías de promoción" e de incrementar a "base de consumidores e clientes" do comercio local, "especialmente entre a poboación nova

Sara Torres e Sara Couso, xunto o presidente de Zona Monumental, Miguel Lago
Sara Torres e Sara Couso, xunto o presidente de Zona Monumental, Miguel Lago / DUVI

A estudante de Dirección e Xestión Pública, Sara Couso, elaborou para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un plan de acción de mellora continua para a Zona Monumental de Pontevedra.

Deste xeito, a través da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), a profesora de Dirección e Xestión Pública Sara Torres coordinou nos últimos cursos dous proxectos desenvolvidos xunto co Centro Comercial Urbano Zona Monumental que levaron o alumnado da facultade a detectar unha serie de "necesidades de mellora na captación de asociados e posicionamento en redes" desta asociación e motivaron á súa vez un novo proxecto.

Segundo indicou a estudante, "vino como unha posibilidade de axudar e de que o teu traballo non quede só nunha cualificación", contribuíndo deste xeito a definir un conxunto de recomendacións e propostas "para pór en marcha novos proxectos que melloren o posicionamento e proxección" de Zona Monumental.

Desde a asociación lembran que os proxectos desenvolvidos nos cursos previos permitiron que os estudantes de Dirección e Xestión Pública coñecesen o funcionamento dun CC, ao tempo que contribuían o seu labor, deseñando un folleto dos servizos que presta os seus asociados e cunha análise da súa presenza en redes sociais.

No caso deste curso, o proxecto tivo "un coñecemento máis profundo da entidade" o cal permitiu que non só recibisen "unha diagnose", senón tamén "solucións e propostas viables", como tratar de impulsar novas vías de colaboración con diferentes facultades. "Estamos especialmente satisfeitos polo resultado da experiencia deste curso, porque temos xa trazado un camiño para levar a cabo as iniciativas suxeridas", destacan desde o CCU. 

Nese senso, o traballo de Couso pon o foco en primeiro termo nos desafíos que afrontan os centros comerciais urbanos e abertos, como os cambios nos hábitos de consumo, para logo analizar a traxectoria de Zona Monumental, fontes de financiamento e servizos que presta a consumidores e asociados, así como as actividades que desenvolveu nos últimos anos e a súa presenza e estratexia en redes sociais.

Couso incide na importancia de "identificar novas vías de promoción" e de incrementar a "base de consumidores e clientes" do comercio local, "especialmente entre a poboación nova". A estudante constatou que a clientela dos establecementos asociados son fundamentalmente "persoas maiores de 40 anos da contorna de Pontevedra" e incide ao mesmo tempo na necesidade de mellorar a súa actividade en redes sociais, pondo o foco no perfil Instagram da asociación, que podería convertese "nun megáfono publicitario".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora