O informe favorable do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ao proxecto para dotar ao municipio de chan urbanizable industrial no lugar de Monte Mocín, na parroquia de Santa María de Sacos, permite desbloquear a tramitación deste polígono.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción pola decisión da Dirección Xeral de Estradas, ante a importancia que este polígono terá desde o punto de vista da implantacion de empresas, xeración de emprego e fixación da poboación.
A modificación das normas subsidiarias do planeamento vai permitir ter un título habilitante para poder expropiar e encargar o proxecto de urbanización e construcción dun "auténtico pulmón económico", segundo Cubela, para favorecer a actividade económica no municipio.
O proxecto, co que se quere impulsar o desenvolvemento dunha área industrial duns 110.000 metros cadrados, fora informado desfavorablemente en maio de 2022 pola súa afección á Rede de Estradas do Estado.
Pero tras sucesivas reunións técnicas entre ambas partes, o pasado 14 de maio o Concello presentou unha nova documentación relativa á remodelación do enlace oeste da N-541, no punto quilómetrico 74+500, o que permitiu unha revisión positiva do expediente.
O alcalde explica que "isto permítenos ter todos os informes pertinentes positivos".
Agora, terán que informar os técnicos municipais antes de que sexa aprobado en pleno e poida enviarse a Urbanismo da Xunta para que dea o seu visto bo definitivo.
"Despois disto xa se poderían iniciar os trámites de expropiación que foran necesarios para desenvolver o polígono industrial de Monte Mocín", sinalou Jorge Cubela.