Desde o goberno municipal de Poio celebran o éxito da Festa do Mar de Combarro, da que destacan que "recuperou a súa esencia" e logrou manterse como un gran atractivo da vila.
Así, o Concello subliña que a festa conseguiu poñer en valor a tradición mariñeira de Combarro e avanza que os cambios introducidos terán continuidade en sucesivas edicións.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que "estamos moi contentos" por impulsar a programación da Festa do Mar "en tempo récord" e por ser capaces de "devolverlle ao mar e á tradición mariñeira a importancia que debía ter nesta festa, cuxa esencia se perdeu hai moitos anos".
A este respecto, agradeceu a colaboración de colectivos e veciños que colaboraron con esta edición da festa, que segundo Moldes foi "a máis participativa dos últimos anos", e confía en que o próximo ano aínda sexan máis as persoas que queiran participar coa festa.
A carpa museo, con exposicións de fotografías, maquetas de barcos e dunha mostra do Museo do Mar de Galicia, así como a exposición Mulleres Bateeiras recibiron milleiros de visitas, moitas deles de veciños que "incluso facían de guía e explicaban as imaxes e pezas que se expoñían".
Desde o Concello de Poio tamén destacan que foron un éxito os vermús mariñeiros do sábado e domingo, coas food trucks da Xunta de Galicia e con música en directo, as propostas musicais dirixidas a nenos e maiores ou o encontro de embarcacións tradicionais.
Ademais, o alcalde apuntou que este ano a Festa do Mar de Combarro "foi un aliado novo tamén para os restaurantes e tabernas e non un competidor", xa que fóra da degustación dos petiscos nas food trucks, o resto de produtos consumíronse directamente nos locais de hostalería.