Satisfacción polo nivel "moi bo" que alcanzou en Galicia a vacinación infantil

Pontevedra
12 de xaneiro 2022

Os non vacinados, segundo o conselleiro de Sanidade, son máis do 60% dos pacientes ingresados nas UCI galegas, polo que fixo un chamamento a que aqueles que non recibiron ningunha dose "se vacinen canto antes", para o que poden acudir a estes centros "cando queiran"

Margarita Robles e Julio García Comesaña no centro de vacinación de Pontevedra
Margarita Robles e Julio García Comesaña no centro de vacinación de Pontevedra / Mónica Patxot

A ministra de Defensa, Margarita Robles, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, celebraron o nivel "moi bo" que alcanzou en Galicia a vacinación infantil e o reforzo coas terceiras doses, por agora, nos maiores de 40 anos.

Así o subliñaron durante a visita conxunta que ambos realizaron ao centro de vacinación de Pontevedra, habilitado na delegación da Xunta en Campolongo.

Galicia é a comunidade que ten máis poboación maior de 12 anos vacinada con pauta completa, máis do 95%. Igualmente, tamén é a que ten máis nenos e nenas de entre 5 e 11 anos coa primeira dose posta, un 60%, e, así mesmo, lidera a porcentaxe de poboación con dose de reforzo en todos os grupos de idade.

Os non vacinados, segundo o conselleiro, son máis do 60% dos pacientes ingresados nas UCI galegas, polo que fixo un chamamento a que aqueles que non recibiron ningunha dose "se vacinen canto antes", para o que poden acudir a estes centros "cando queiran".

Ademais, García Comesaña referiuse ao aumento dos casos rexistrados nas residencias de maiores da comunidade, descartando intervir algunha delas porque "non procede" ao ser pacientes coas tres doses e asintomáticos.

Galicia, concluíu o responsable de Sanidade, está "expectante" á evolución dos contaxios e espera que a baixada da incidencia chegue "pronto", aínda que ata o de agora alertan de que se está rexistrando un "pequeno incremento" no número de hospitalizados.

Robles, pola súa banda, destacou a colaboración que ofrece o Exército español ás comunidades autónomas para apoialas nos procesos de vacinación, que permitiu inmunizar contra a covid-19 a máis de 60.000 persoas.

En Pontevedra, dous equipos da Brigada Galicia VII (Brilat) colaboran co persoal sanitario para inmunizar a persoas vulnerables, mentres que un terceiro equipo desprázase de maneira itinerante por residencias de maiores e domicilios particulares.

Durante a súa estancia no 'vacinódromo' pontevedrés, Robles quixo agradecer o traballo realizado polos sanitarios galegos por ser un "ejemplo de profesionalidad, entrega y sacrificio" durante os dous anos que levamos de pandemia.

O reforzo militar a este proceso de vacinación, segundo a titular de Defensa, "seguirá si las comunidades lo piden" ao entender que nestes momentos é "esencial" que se vacine "todo el mundo" porque "es un seguro de vida".

A este respecto, a ministra celebrou a boa resposta da cidadanía á vacinación infantil e á recepción da terceira dose de reforzo, porque "es un ejercicio de responsabilidad, solidaridad y salva vidas".