Moitos curiosos, poucas vendas e cunha satisfacción xeral -con matices- en comerciantes e clientes. Así transcorreu a primeira xornada da feira no seu novo emprazamento, a Alameda de Pontevedra, que desde o Concello cualificaron como un "éxito absoluto".
Desde primeira hora da mañá o bulicio foi notable. "Estamos encantadísimos", sostivo Margarita González, portavoz dos feirantes. "Polo meu posto pasou xente que non vira na miña vida en Rafael Areses", asegurou.
Iso si, a maioría deles, probablemente movidos pola expectación, non compraron nada. "Moitos viñeron a pasear e a mirar, pero marchan sen bolsa", recoñece. A pesar diso, insiste en que este primeiro día na Alameda foi un "éxito total e absoluto".
Ao ser o primeiro día "non podemos aventurar nada", pero sostén que o peor é que "o tempo non acompañou". Houbo tamén "detalliños" que haberá que solucionar, entre eles, a acumulación de auga, pouco espazo entre os postos e desaxustes nas filas.
Entre os clientes, pola súa banda, aínda que moitos asegurar preferir a contorna do Recinto Feiral porque no centro "é moito máis difícil aparcar", o cambio agradou porque "aquí témolo todo moito máis a man", afirma Paula, unha das asiduas ao mercadiño.
"Eu había moito tempo que non viña á feira porque á miña idade cústame moito andar", aseguraba Mari Carmen, unha octoxenaria que non quixo perderse o regreso da feira ao centro, un evento que lle trae moitos recordos da súa nenez.
As críticas máis recorrentes foi que "está todo cheo de barro", lamenta un matrimonio que viña desde Lérez. Probarse a roupa nos postos foi toda unha odisea porque "non te podes descalzar e hai que ter coidado con que non caia nada ao chan, porque se mancha".
Os 45 postos que se instalaron na Alameda -dos 53 autorizados en total para a feira de Pontevedra- repartíronse en tres filas por todo o espazo, cos postos de téxtil máis próximos á Praza de España e os de alimentación no outro extremo.
Os únicos que puideron entrar coas súas furgonetas no recinto foron os titulares dos postos situados nas dúas filas exteriores. Os colocados na zona central tiveron que aparcar lonxe da Alameda, o que xerou certo malestar entre os afectados.
A edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, recoñece que a estrea desta nova localización viuse lastrada polo tempo. "Foi un día que choveu que é o peor que lle pode pasar a unha feira", destaca. A pesar diso, o resultado foi máis que satisfactorio.
"Seguro que haberá defectos nos que teremos que seguir traballando", explicou a concelleira socialista, que defende que os comerciantes "están moito mellor aquí" que en Rafael Areses, lugar que tiñan que abandonar "porque vai a haber obras".
Para animar aínda máis a afluencia de xente, desde o Concello impulsáronse diversas actividades paralelas como animación pola rúa ou a repartición de bolsas de tea. A elas sumouse a presenza dunha carpa para degustar o polbo preparado por unha 'pulpeira'.
MALESTAR NA CONTORNA DO MERCADO
Estas actividades promocionais provocaron o enfado dos comerciantes da rúa Serra e dos usuarios da praza de abastos, xa que os 'zancudos' que convidaban á xente para acudir á feira, segundo denuncia este colectivo, "viñeron levarnos os clientes".
"Educadamente dixémoslles que se fosen a outro lado", aseguran a PontevedraViva os afectados, que ven este feito como unha "provocación" tras reunir unhas 800 firmas para que o mercadiño se instalase na contorna do mercado pontevedrés.
Afirman que "isto é meter o dedo na chaga" e lamentan que desde o Concello non se poña o mesmo empeño en impulsar campañas promocionais para fomentar a afluencia de clientes ao mercado municipal.