Saúde, quilómetros e zapatillas

Pontevedra
26 de outubro 2014

A Boa Vila sofre unha febre 'Forrest Gump' con miles de cidadáns correndo por todas as partes. Dun tempo a esta parte creceu de xeito sorprendente o número de cidadáns que non ve rúas, senón potenciais circuítos. Beiramar, avenida de Marín, o paseo urbano do Gafos, a senda peonil polo Lérez ata Bora, a illa das Esculturas ou as marismas de Alba son os itinerarios máis frecuentados

Afeccionados ao 'running' en Pontevedra
Afeccionados ao 'running' en Pontevedra / Mónica Patxot

A Boa Vila sofre unha febre 'Forrest Gump' con miles de cidadáns correndo por todas as partes. Non é algo novo, aínda que lonxe quedan xa os clásicos futingueiros. Agora chámanse runners.

Dun tempo a esta parte creceu de xeito sorprendente o número de cidadáns que non ve rúas, senón potenciais circuítosBeiramar, avenida de Marín, o paseo urbano do Gafos, a senda peonil polo Lérez ata Bora, a illa das Esculturas ou as marismas de Alba son os itinerarios máis frecuentados.

Todo empeza coas camiñadas ao aire libre e a bo ritmo. E pronto chegan os primeiros trotes.

Correr relaxa, é un xeito de abstraerse dos problemas diarios, de liberar tensións, e iso mellora o humor, ademais anima a superarse e, por suposto, a perder peso... e a calquera hora. Todo parecen vantaxes: é bo para a saúde, doado e tamén barato.

Logo chega un convite: "Ven a correr connosco, que imos ir suave". E un día prodúcese o salto de calidade da man dunha pregunta: e se nos apuntamos a unha carreira popular? No momento no que un acepta xa está enganchado.

A popularidade deste deporte en auxe viuse reflectida na gran cantidade de carreiras, maratóns e medias maratóns que se celebran.

En Pontevedra a media de idade dos corredores está por enriba dos 30 anos

En Pontevedra a media de idade dos corredores está por enriba dos 30 anos. A maioría sumouse a esta actividade nos últimos anos, saen unhas tres veces por semana a correr e fano maioritariamente sós.

Esta soidade do corredor é un dos motivos polos que practiquen running máis homes que mulleres. Lamentablemente as nenas seguen sendo educadas no medo e iso desanímaas á hora de botarse á rúa a correr en solitario.

O MILER, UN CLUBE SOCIAL

Iria, Cris, Mónica e Isabel, esperan mentres Lucía se calza as súas zapatillas. Un día máis quedaron no Miler, o local de Víctor, para saír a correr. Lucía deixa a roupa na taquilla mentres se incorporan ao grupo Teresa, Adrián e Kathy, que estaban a facer estiramentos.

Obviamente o Miler é algo máis que unha tenda de material deportivo, ao igual que o seu dono é algo máis que un mozo emprendedor.

O seu é un club social, o Miler Vintage Running Club. Un lugar de encontro na rúa Peregrina. Ademais de taquillas, vestiario, sala de estiramentos ou aparcadoiro para bicis tamén hai un salón onde o resto do grupo agarda en faladoiro para saír a correr.

Víctor, de apelido Riobó, o imparable atleta marinense, creou unha base de operacións para compartir experiencias. Un punto de encontro dende onde poder saír a realizar os adestramentos diarios en grupo. Un negocio especial, singular, único nos tempos actuais e deseñado para unha auténtica tribo urbana que encontra en Pontevedra un ámbito ideal.

Ao falar deste deporte Víctor recorre aos valores da constancia, o afán de loita e superación e o compañeirismo. Pero tamén alerta cando correr se converte nunha obsesión enfermiza ata o punto de maltratar e prexudicar o corpo. Hai que ter "sentidiño".

Así que xa saben: saúde, quilómetros e zapatillas.