Se o teu propósito de ano novo é deixar de fumar, a AECC ofréceche axuda

Pontevedra
13 de xaneiro 2021

O programa para deixar de fumar da AECC ten unha taxa de éxito do 60%. A duración do curso comprende 7 sesións de hora e media durante 7 semanas. Ao mes, hai unha cita de seguimento para previr posibles recaídas e manter a abstinencia. O curso é gratuíto, pero esíxese un depósito de 60 euros aos participantes que se devolverá ao finalizar, se asisten a todas as sesións

Apagando as cabichas dos cigarros no cinceiro
Apagando as cabichas dos cigarros no cinceiro /

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra organiza a primeira convocatoria presencial de deshabituación tabáquica en 2021, co obxectivo de axudar á poboación fumadora a abandonar o tabaco e reducir os factores de risco para desenvolver cancro de pulmón e outras enfermidades crónicas.

As persoas interesadas poden anotarse ata o xoves 21 de xaneiro: no teléfono 986 86 52 20, no correo electrónico [email protected] ou na sede da aecc na rúa Augusto González Bicada 9, Entresollado, Oficina 1 (de luns a xoves de 8 a 15 e de 16 a 19 horas e os venres de 8 a 14.30 horas).

A Asociación Española Contra o Cancro leva máis de 20 anos desenvolvendo este programa para deixar de fumar, que conta cunha taxa de éxito do 60%. Ao longo de 7 sesións dunha hora e media de duración, distribuídas en 7 semanas, un psicólogo da AECC guiará e apoiará aos participantes durante todo o proceso.

Ademais, ponse á súa disposición unha serie de estratexias dirixidas a romper o consumo de tabaco - tomando como punto de partida a redución gradual de cigarros ata deixalo completamente-, técnicas para evitar posibles recaídas e controlar a síndrome de abstinencia, xunto á adopción de hábitos máis saudables.

Tras pechar a lista definitiva de participantes, que son seleccionados a través de entrevistas individuais, o curso comezará o vindeiro mércores 3 de febreiro, de 17.30 a 19.00 horas.

A pesar de tratarse dun curso gratuíto, os participantes deben deixar un depósito de 60 euros co obxectivo de asegurar a súa presenza en todas as sesións, e que se devolve de forma íntegra en caso de non faltar a ningunha. Por cada falta non xustificada retíranse 6 euros, ata un máximo de tres faltas, a partir da cales se perde o depósito total.

Actualmente, o tabaco continúa sendo un dos maiores problemas de saúde pública nos países desenvolvidos. O cancro de pulmón é o cancro máis frecuente relacionado co tabaco, pero existen outros tumores vinculados como o cancro de larinxe, vejiga, boca, esófago, fígado, estómago, vías biliares, entre outros. No contexto de emerxencia sanitaria provocada pola Covid-19, cabe destacar que o tabaco e outros derivados supoñen un aumento do risco de transmisión do coronavirus, tanto para a persoa que fuma ou vapea, como para as persoas que están á súa ao redor.