O sector pirotécnico denuncia "populismo, covardía política e demagoxia" por vetar os fogos artificiais

O Salnés
22 de xuño 2026

O sector defende a pirotecnia como unha actividade legal, regulada e ligada á cultura popular

Una persona lanzando cohetes

A Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP), principal organización representativa do sector en Galicia, mostrou o seu rexeitamento ás restricións e prohibicións que algúns concellos galegos están a aplicar ao uso de fogos artificiais nas festas populares.

A entidade considera que estas medidas responden a unha "deriva restritiva e arbitraria" e anuncia que estudará emprender accións legais contra aquelas administracións que cancelen contratos vixentes ou promovan publicamente a non contratación de espectáculos pirotécnicos.

A organización cita expresamente os casos de Vilagarcía de Arousa e Padrón, municipios que adoptaron decisións encamiñadas a limitar ou eliminar o uso de pirotecnia en determinadas celebracións.

Segundo AGIP, estas iniciativas xustifícanse en argumentos relacionados coa prevención de incendios forestais, o benestar animal ou a redución de molestias por ruído, pero a asociación sostén que carecen de base técnica suficiente.

"O populismo, a covardía política e a demagoxia ambiental, non poden servir de coartada para impedir o exercicio dunha actividade legal e que forma parte do acervo cultural da nosa comunidade", sosteñen no seu comunicado difundido este luns.

O colectivo advirte de que esixirá responsabilidades patrimoniais si se producen cancelacións unilaterais de contratos previamente subscritos con empresas do sector.

A asociación defende que a actividade pirotécnica profesional está sometida a unha estrita regulación e que a súa incidencia nos incendios forestais é practicamente inexistente.

Como argumento, sinala que durante 2025, un dos anos con maior superficie forestal queimada en Galicia, non se rexistraron grandes incendios atribuídos a espectáculos pirotécnicos profesionais. AGIP sostén que as estatísticas oficiais da Xunta reflicten que a maior parte dos lumes teñen orixe intencionada ou están relacionados con outras actividades humanas.

"O argumento do ruído e as molestias a persoas sensibles ou animais para prohibir os espectáculos pirotécnicos, é un insulto á intelixencia e unha dobre rapadoira intolerable", apunta este colectivo.

Neste sentido, destaca que os espectáculos pirotécnicos adoitan ter unha duración limitada, xeralmente entre dez e quince minutos, e celébranse en horarios e emprazamentos previamente anunciados. Fronte a iso, lembra que as mesmas festas patronais inclúen verbenas, concertos e atraccións que xeran niveis elevados de ruído durante varias horas e en xornadas consecutivas.

Máis aló da polémica, AGIP reivindica o carácter cultural e tradicional da pirotecnia en Galicia.

"Criminalizar a pirotecnia para gañar o aplauso fácil nas redes sociais é un acto de covardía política, facendo uso dunha tradición centenaria como cabeza de turco para tapar a incapacidade de xestionar o territorio rural ou vixiar aos verdadeiros incendiarios", di esta asociación que subliña a importancia deste sector económico que xera emprego para centenares de familias galegas.