Planificar e xestionar ordenadamente e con seguridade a eclipse solar que se vivirá o próximo 12 de agosto.
É o obxectivo da xornada formativa organizada este luns no Palacete das Mendoza, por parte da Deputación de Pontevedra e a Fundación Ceo, á que acudiron máis de medio cento de persoas relacionadas co sector turístico da provincia.
"Esta provincia será o 12 de agosto un lugar clave no mundo para observar a eclipse solar e por iso levamos meses traballando arredor deste acontecemento, apostando por unha planificación e xestión ordenada que nos permita garantir a seguridade das persoas", explicou o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña.
No fondo da cuestión"queremos que o astroturismo, un dos eixos da nosa Estratexia Rías Baixas 61, sexa un produto turístico estable, que nos permita posicionar a nosa provincia como un referente de calidade", engadiu.
Con esta xornada pretendíase coordinar o sector turístico achegando información importante para que empresas, oficinas de turismo e persoal técnico conten con criterio comúns, información rigorosa e pautas de actuación ante un evento como a eclipse do 12 de agosto no que se prevé unha gran afluencia de persoas.

En concreto profundouse nas claves do trío de eclipses que vivirá a Península Ibérica os anos 2026, 2027 e 2028, achegadas por Cintia Cabada, da Fundación Ceo, e Ana Ulla, catedrática de astronomía e astrofísica da Universidade de Vigo.
As dúas científicas profundaron neste fenómeno e analizaron as peculiaridades da observación diúrna, e detallaron aspectos relacionados coa seguridade ocular. Tamén houbo tempo para realizar unha práctica in situ de observación solar.
Por último lembrouse a rede de puntos de observación da eclipse solar na provincia de Pontevedra e o traballo conxunto de Deputación e concellos dentro do produto turístico 'Baixo o ceo das Rías Baixas', do que xa forman parte os municipios de Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Mondariz, Mos, Meis, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.