Segue o ascenso de casos covid na área sanitaria e Galicia suma dúas novas mortes pola enfermidade

Pontevedra
16 de novembro 2021

A área de Pontevedra-O Salnés rexistra este martes 114 casos activos, oito máis que o luns, cun paciente ingresado no Hospital do Salnés. En Galicia tamén se incrementan os positivos chegando a 1.367 persoas, 82 máis que onte. A Consellería de Sanidade notificou que nos últimos días faleceron dúas persoas coa enfermidade: unha muller de 58 anos no seu domicilio na área de Ferrol, que non presentaba patoloxías previas; e unha muller de 85 anos no Complexo Hospitalario de Ourense

Datos covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés durante este martes 16 de novembro
Datos covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés durante este martes 16 de novembro / Consellería de Sanidade

Mantense a tendencia ascendente de casos covid na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e en Galicia, segundo os datos que ofrece a Consellería de Sanidade. 

Rexístranse 114 casos activos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, oito máis que este luns. Destes enfermos, un atópase hospitalizado desde fai dúas xornadas en planta do Hospital  do Salnés, segundo indican desde a xerencia. O resto de pacientes recupéranse nos seus domicilios

Nas últimas 24 horas realizáronse 167 probas PCR, co resultado de doce novos casos confirmados. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 21.311 pacientes, sete máis que o luns, nesta área sanitaria. O número de vítimas coa enfermidade mantense en 205 pacientes.

DOUS FALECEMENTOS EN GALICIA

Nas últimas horas, a Consellería de Sanidade comunicaba a morte de dous pacientes en Galicia debido á pandemia: unha muller, de 58 anos, que falecía o 12 de novembro no seu domicilio na área sanitaria de Ferrol. Neste caso non contaba con enfermidades previas, segundo indican as mesmas fontes; e unha muller de 85 anos, que falecía o 14 de novembro no  Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, neste caso con patoloxías no seu historial clínico. A Consellería de Sanidade non ofrece datos sobre a vacinación das vítimas porque considera que se trata dunha información confidencial.

Con estas dúas mortes, o número de persoas falecidas en Galicia desde o inicio do plan de continxencia ascende a 2.658 persoas

Os casos activos sitúanse este martes en 1.367, que son 82 máis que na xornada do luns. Por áreas sanitarias, estes casos atópanse repartidos da seguinte forma: Ourense: 322 (+27); A Coruña-Cee: 317 (-); Vigo: 263 (+30); Lugo: 134 (+10); Santiago-O Barbanza: 123 (+10); Pontevedra-O Salnés: 114 (+8) e Ferrol: 94 (-3).

Aumenta tamén a presión hospitalaria ao atoparse 56 enfermos en planta, tres máis que o luns; e outros dez nas Unidades de Coidados Críticos, un máis que onte.

Nas últimas horas detectáronse 122 positivos novos. Trátase de 14  contagios diarios menos aos notificados durante o luns e 48 máis que os recolleitos durante o martes da semana pasada.