Seguen as melloras en Marqués de Valterra: próximas actuacións, iluminación e aparcamentos

Pontevedra
03 de setembro 2013

Novos investimentos completarán en próximas semanas as actuacións do ARI de Estribela na praza Marqués de Valterra. Tras completar a reforma das beirarrúas en toda esta contorna, o Concello de Pontevedra acometerá a mellora da iluminación e a reordenación dos espazos de aparcamento. Trátase de tres actuacións nas que o goberno municipal investiu uns 200.000 euros

Vista do barrio de Estribela PontevedraViva

Novos investimentos completarán en próximas semanas as actuacións do ARI de Estribela na praza Marqués de Valterra. Tras completar a reforma das beirarrúas en toda esta contorna, o Concello de Pontevedra acometerá a mellora da iluminación e a reordenación dos espazos de aparcamento. Trátase de tres actuacións nas que o goberno municipal investiu uns 200.000 euros.

Trátase, sinalou Antón Louro, de responder ao "compromiso" alcanzando cos veciños do barrio "para seguir mellorando este espazo". En canto ao alumado público, o concelleiro socialista explicou que actualmente a praza "só conta cunha única luminaria, un vello farol que non serve para solucionar os problemas". Crearanse nove puntos de luz e outros dous encostados ás fachadas e retirarase o cableado visible ao contar cunha preinstalación soterrada.

Os 30.000 euros que se investirán nesta actuación, que se executará nun mes, completaranse cos 65.000 euros que custará o reasfaltado da praza e a reordenación dos aparcamentos. Louro explicou que non suporá unha "redución significativa" do número de prazas para aparcar, aínda que si recoñeceu que serán menos que na actualidade, ao "clarificar" espazos e "racionalizar" as prazas existentes.

Ademais, no marco do ARI de Estribela, Antón Louro adiantou que en 2014 investiranse 135.000 euros na reforma integral da rúa do Mercado e outros 200.000 euros na reforma integral da rúa da Comboa.

ORDENANZA DE MANTEMENTO DE EDIFICIOS

Noutra orde de asuntos, a Comisión de Urbanismo deu licenza de primeira ocupación ás 62 vivendas da primeira fase dunha promoción inmobiliaria na rúa Grecia, en Monte Porreiro; e constatouse un aumento do "interese" das comunidades de propietarios por facer pequenas obras de mellora ou arranxo de elementos comúns, ao autorizar actuacións en Benito Corbal, Ernesto Caballero, Cruz Gallástegui e Fernández Ladreda.

Neste sentido, Antón Louro asegurou que espera que a principios de 2014 poida entrar en vigor a nova ordenanza de mantemento de edificios na que traballan técnicos municipais. A súa tramitación sufriu atraso pola entrada en vigor do novo Plan de Vivenda do goberno central. Esta nova inspección incluirá tamén cuestións de accesibilidade e de eficiencia enerxética que deberán ser incorporados á normativa municipal.