Investigadores pontevedreses descubriron unha nova especie de libélula nas illas Fidxi, en colaboración con expertos de Estados Unidos, Nova Zelandia e do propio arquipélago do Pacífico sur, segundo informou a Universidade de Vigo.
Esta libélula, que recibiu o nome científico de Nikoulabasis roseosticta, "é un animal raro e moi grande", afirmou o catedrático Adolfo Cordero, coordinador do grupo de investigación Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo) do campus de Pontevedra.
"É morfoloxicamente a máis diferenciada das especies endémicas de Fidxi", sinalou o investigador da Escola de Enxeñería Forestal sobre unha libélula que recibe o seu nome da cor rosada que presenta na parte externa das ás.
O artigo que describe esta nova especie foi publicado na revista Zootaxa, tras detectar varios exemplares deste insecto en diferentes puntos da illa volcánica de Vanua Levu, a segunda illa de maior tamaño do arquipélago de Fidxi.
Xunto coa súa cor rosa fucsia na parte externa das ás, esta libélula destaca tamén por ter un abdome moi longo, que segundo Cordero, "podería servir para poñer os ovos dentro de plantas que acumulan auga e onde poden vivir as larvas".
Ademais destes elementos, o estudo detense noutras características estruturais que diferencian esta especie dos seus conxéneres, como un ancho lóbulo distal, os dentes finos que presenta no ovipositor ou o feito de ter "ás delicadas" con menos veas suplementarias.
Conformado por máis de 300 illas, Fidxi reúne un gran número de especies de libélulas que non poden atoparse en ningunha outra parte do mundo, lembra o investigador pontevedrés.
"Moitas zonas de Fidxi non teñen acceso ou é extremadamente complicado chegar a elas", afirma Adolfo Cordero, polo que considera que "é posible que aínda quede algunha por descubrir".