Segundo o PP o decálogo das vías provinciais resúmese en "amarás a Vigo e a Pontevedra sobre todos os concellos"

Pontevedra
29 de xaneiro 2016

O goberno da Deputación rexeitou no Pleno provincial a petición do Partido Popular para que retirase do pleno o decálogo de criterios para a actuación nas vías provinciais co obxectivo de consensualo cos alcaldes da provincia

Grupo provincial do Partido Popular
Grupo provincial do Partido Popular / Mónica Patxot

O goberno da Deputación rexeitou no Pleno provincial a petición do Partido Popular para que retirase do pleno o decálogo de criterios para a actuación nas vías provinciais co obxectivo de consensualo cos alcaldes da provincia.

Entenden os populares que o documento que redactou o goberno crea cidades de primeira e de segunda. Nesta liña, o deputado Luis Aragunde dixo que "estes dez mandamentos que presentan resúmense en amarás a Vigo e a Pontevedra sobre todos os concellos". O popular criticou que non ten en conta as necesidades dos rural e do interior da provincia, e que só pensa nas grandes cidades.

Luis Aragunde agradeceu ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, a invitación feita aos concellos para facer aportacións.

Pola súa banda, Mosquera Lorenzo dixo que este decálogo marca un "replantexamento profundo e conceptual" das actuacións da institución provincial na rede de estradas. Entre outras cousas, pretende limitar as graves afectacións tanto a bens como ao patrimonio edificado e o territorio ademais de seguir as novas tendencias das chamadas "mobilidades amables que priorizan ás persoas".

César Mosquera, manifestou que coa aplicación dos novos criterios de actuacións "acábase unha etapa" na que había unha grande desproporción entre as necesidades reais en materia viaria e os recursos patrimoniais e naturais "estragados".

O decálogo foi aprobado cos votos de Marea, BNG e PSOE e o voto en contra do PP.