Seis anos e medio de prisión para dous gardas civís por filtrar arquivos confidenciais a narcos

Pontevedra
29 de xuño 2018

A Audiencia Pontevedra condenou os axentes da Garda Civil Javier López Suárez e Diego Fontán Cuesta e o presunto narcotraficante Juan Carlos Santorum a tres anos, tres anos e medio e dous anos e tres meses de  prisón por un delito de revelación de segredos  

Javier López, Diego Fontán e Juan Carlos Santorum no banco dos acusados
Javier López, Diego Fontán e Juan Carlos Santorum no banco dos acusados / Mónica Patxot

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou aos axentes da Garda Civil Javier López Suárez e Diego Fontán Cuesta e ao empresario e presunto narcotraficante Juan Carlos Santorum Navazas, xulgados durante os útlimos mese por supostamente obter información confidencial de investigacións do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) e facilitarlla a narcotraficantes. 

Os tres negaron as filtracións de información, que alcanzaría os 2.500 arquivos, moitos deles de actuacións protexidas por segredo de sumario, pero o tribunal provincial considerou probada a súa culpabilidade e impúxolles penas que van entre os dous anos e tres meses e os tres anos e medio de prisión. 

O peor parado da sentenza condenatoria foi Diego Fontán Cuesta, que cometería o delito como integrante da Policía Xudicial. A Audiencia absólveo dos delitos de integración en grupo criminal, encubrimento e delito continuado contra a intimidade e condénao polo delito de revelación de segredos a tres anos e 6 meses de prisión, multa de 17 meses a razón de 10 euros ao día e suspensión de emprego ou cargo público por tempo de 2 anos e 6 meses.

A Javier López Suárez tamén o condenou finalmente tan só polo delito de revelación de segredos, no seu caso, á pena de 3 anos de prisión, multa de 15 meses a razón de 10 euros día e suspensión de emprego e cargo público por tempo de 2 anos. Resultou absolto de integración en grupo criminal, encubrimento e delito continuado contra a intimidade cometido por funcionario público no seo de grupo criminal. 

O terceiro acusado, Juan Carlos Santorum, acusado de ser a ligazón entre os citados axentes e os supostos narcotraficantes, foi condenado a dous anos e tres meses de prisión como autor dun delito de revelación de secretos cometido por particular, absolvéndolle a Audiencia do delito de integración en grupo criminal.

As maxistradas da Sección Cuarta consideran probado que Javier e Diego, acordaron que "valéndose do seu destino profesional", facíanse con diversa "información relevante e sensible" das distintas investigacións e operacións xudicializadas levadas a cabo na súa unidade "relativas esencialmente á materia de narcotráfico" sendo Diego quen unha vez a tivera no seu poder "procedería á súa revelación e difusión".

Conclúe que ambos eran "conscientes do prexuízo que tanto para a administración pública como para os particulares afectados causaban coas súas accións así como das graves consecuencias que para as investigacións e operacións xeraban".