Seis ecógrafos novos para os hospitais Provincial e Montecelo

Pontevedra
19 de setembro 2022

Xa se instalou a totalidade do equipamento derivado das dúas licitacións realizadas o ano pasado para prover de ecógrafos varios servizos hospitalarios

Ecografía
Ecografía / Docor Comunicación

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de rematar o proceso de renovación de seis ecógrafos nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mediante un investimento de 494.086 euros. En particular, a Xunta renovou cun ecógrafo respectívamente tanto ao servizo de Xinecoloxía do Hospital Provincial coma ao servizo de Urxencias do hospital Montecelo. 

Así mesmo, renovou outros catro ecógrafos nos servizos de Radiodiagnóstico dos hospitais Provincial e Montecelo. Tamén efectuou unha actualización do ecógrafo do servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, coa implantación dunha nova sonda.

A administración autonómica licitou o ano pasado dous contratos de subministracións: un para adquirir 48 novos ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e un segundo para facerse con 16 ecógrafos destinados, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias.

Logo de formalizarse os contratos coas distintas empresas adxudicatarias a comezos deste ano 2022, os equipos están xa instalados.

As contratacións realizadas teñen achegado novo equipamento de ecografía á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo os hospitais comarcais.

Dita contratación responde, segundo o Sergas, ao obxectivo de potenciar a calidade da cobertura sanitaria á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.