Seis meses cun único carril na estrada entre Príncipe Felipe e Montecelo

Pontevedra
20 de febreiro 2023

A partir do próximo xoves 23 de febreiro, a estrada entre a cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo quedará cun único carril de circulación. É unha medida obrigada polas obras de construcción do novo edificio hospitalario

Obras do novo hospital Gran Montecelo
Obras do novo hospital Gran Montecelo / PontevedraViva

A partir do próximo xoves 23 de febreiro, a estrada entre a cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo quedará cun único carril de circulación. É unha medida obrigada polas obras de construcción do novo edificio hospitalario.

É debido a que este mes comezarán os traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos á dársena de mantemento e servizos do novo hospital.

Este acceso realizarase mediante unha vía situada a unha cota máis baixa respecto á avenida de Montecelo, que requirirá a execución dun muro de sostemento.

A intervención obrigará a restrinxir o tráfico a un só carril de circulación na avenida Montecelo en dirección, desde a rotonda do Príncipe Felipe cara ao actual hospital, e afectará a todo o tramo ata o encontro coa baixada de vehículos que dan acceso á entrada do actual complexo.

Dada a incidencia que terán os traballos na mobilidade circulatoria da zona, representantes e técnicos da Xunta, do Concello e do hospital mantiveron varias reunións para coordinar e reducir ao máximo as afeccións das obras.

As medidas no tráfico incidirán de modo especial nos accesos ao hospital actual, dando prioridade e favorecendo o acceso de ambulancias e vehículos de servizos, así como o mantemento das liñas de autobuses.

No tramo afectado da avenida de Montecelo, no que se manterá un único sentido de circulación desde o Príncipe Felipe cara á estrada de Ourense ata o hospital actual, habilitarase un carril de 3,10 metros para o tráfico de vehículos.

A beirarrúa existente, duns dous metros, reservarase para os peóns

A nova sinalización na zona comezará a aplicarse a partir do 23 de febreiro e está previsto que se manteña durante os próximos seis meses. Durante ese período tamén quedará anulado o estacionamento de vehículos no tramo afectado.