Seis meses máis tarde de declararse a pandemia, o municipio de Pontevedra sitúase en 200 positivos

Pontevedra
11 de setembro 2020

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o número de casos activos sitúase en 413, con 8 pacientes en planta e dúas persoas na UCI de Montecelo. En Galicia, nas últimas horas rexistráronse 243 novos positivos e faleceron dúas persoas: unha muller en Ourense e un home na Coruña. 

Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 11 de setembro
Datos oficiais de afectados por coronavirus en Pontevedra e O Salnés a 11 de setembro

O municipio de Pontevedra suma xa 200 positivos por coronavirus, 12 casos máis que na xornada deste xoves, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, despois de que a área sanitaria lle trasladara os datos.

Segundo as estimación do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a porcentaxe de infección é de 1/3 da poboación aproximadamente, ao entender que a cidade é un polo de atracción para outros municipios e iso provoca que haxa unha poboación flotante que supera diariamente os 100.000 habitantes. 

Desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e sensatez veciñal para que acaten as novas restricións adoptadas pola Xunta de Galicia e, deste xeito, evitar que se continúe expandindo a enfermidade. 

O SERGAS indica que todas aquelas persoas sen médico de cabeceira asignado en Galicia, como é o caso de turistas ou de visitantes ocasionais, que presenten síntomas poden contactar cos servizos sanitarios a través do teléfono 881.002.021

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés continúan oito pacientes Covid ingresados en planta de hospitalización do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e dous pacientes  Covid na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo. Hai 413 casos activos, 11 máis que na xornada do xoves e 403 destes positivos atópanse evolucionando nos seus domicilios. Nas últimas 24 horas realizáronse 440  PCR' s nesta área sanitaria.

En Galicia, os datos reflicten que hai 4.361 activos, con 243 novos positivos. Dúas persoas falecían nas últimas horas por culpa desta enfermidade, unha muller en Ourense e un home na Coruña. Este venres fai seis meses que se decretaba a pandemia mundial pola Organización Mundial da Saúde.