Antes e despois da tempada alta do verán, o goberno municipal de Vilagarcía ofrecerá ata seiscentas prazas prazas gratuítas para que os vilagarciáns que aínda non coñecen Cortegada poidan facelo e converterse así nos defensores desta "xoia natural".
Así o avanzou o alcalde, Alberto Varela, que visitou a illa para coñecer de primeira man a recente rehabilitación da capela, acompañado por representantes dos colectivos máis representativos do Carril, responsables da súa recuperación para o uso público.
"Cortegada non se entende sen Carril e Carril non se entende sen Cortegada. Ninguén máis que vós valora o que é esta illa, vós sodes os primeiros vixiantes de Cortegada, por moito parque nacional das Illas Atlánticas que teñamos", subliñou o alcalde.
Neste sentido, lembrou que el mesmo puido comprobalo ao pouco de ser elixido alcalde, cando un pequeno incendio puxo en garda a centos de veciños que man con man lograron apagar o lume e salvar o ecosistema da illa.
O alcalde dixo "alegrarse" da restauración da capela, pero tamén "animou" a Xunta de Galicia e Parques Nacionais a seguir facendo investimentos porque a illa o precisa e para que as futuras xeracións "poidan entender o que supuxo Cortegada".
De aí tamén a pequena homenaxe que se fixo coa ofrenda dunha coroa de loureiro ao pé do cruceiro da man dun vello veciño do Carril, Manuel Bóveda, de 95 anos e descendente dos últimos poboadores da illa desaloxada en 1908.
Ademais das visitas guiadas, o Concello tamén quere darlle proxección exterior e por iso este ano a illa terá o protagonismo que merece na nova edición de Vilagarcía, Cidade de Libro.
Esta visita a Cortegada rematou cun novo agradecemento á veciñanza polo mimo con que a coida e cun "viva Carril" compartido polos representantes das distintas entidades.