O litoral galego prepárase para unha xornada complicada este martes coa activación da alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra. A Xunta de Galicia decidiu elevar o nivel de aviso ante a previsión dun mar moi alterado e condicións meteorolóxicas adversas, co obxectivo de reducir riscos e garantir a seguridade das persoas e dos bens.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia a todos os organismos implicados, dende os concellos das zonas afectadas, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros, para activar os protocolos de prevención e resposta.
Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o temporal estará activo desde primeiras horas da mañá do martes 20 de xaneiro no noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, e estenderase ao mediodía ao litoral de Pontevedra. O principal factor de risco será o estado do mar, cunha mar combinada do noroeste que deixará ondas de ata seis metros, podendo alcanzar de forma puntual os sete metros de altura.
Como medida preventiva, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión de toda a actividade deportiva no mar, tanto a federada como a incluída no programa Xogade, nos concellos afectados pola alerta. As zonas concretas e a evolución das previsións poden consultarse na web de Deporte Galego.
Desde a Xunta insístese na necesidade de extremar a prudencia, especialmente nas áreas máis expostas. Recoméndase manterse afastado da liña de costa, evitando diques, rompentes e paseos marítimos, así como revisar os cabos e amarres das embarcacións e evitar saídas ao mar mentres dure o aviso. Para seguir a evolución da situación, a cidadanía ten á súa disposición a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), con información meteorolóxica actualizada e consellos de autoprotección.
O temporal costeiro forma parte dun episodio máis amplo de inestabilidade atmosférica. Segundo MeteoGalicia, este martes Galicia quedará baixo a influencia das baixas presións situadas ao sur de Irlanda, que enviarán unha nova fronte activa. Espéranse ceos cubertos con chuvias xeneralizadas, máis intensas e persistentes no oeste e sur da comunidade, e nevadas nos cumios máis elevados. As temperaturas máximas subirán lixeiramente, mentres que o vento soprará de compoñente sur, moderado en xeral, con intervalos fortes no litoral e intensificándose en terra durante a noite.
O mércores continuará o dominio das baixas presións, xa con ventos de compoñente oeste. A xornada será de ceos nubrados e precipitacións máis frecuentes e intensas na metade occidental de Galicia. A cota de neve baixará ata os 1.000 metros ao final do día e as temperaturas rexistrarán un moderado ascenso. Os ventos soprarán moderados, con refachos fortes no litoral e nas zonas altas, que poderán ser moi fortes na segunda metade da xornada.
De cara ao xoves, unha nova fronte atravesará Galicia durante a tarde, deixando un día desapracible, con chuvias xeneralizadas e máis abundantes nas provincias atlánticas. A cota de neve situarase arredor dos 1.000 metros pola mañá e subirá co paso das horas. As temperaturas descenderán de maneira lixeira a moderada, mentres que os ventos do oeste soprarán fortes no litoral e nas zonas altas.
A medio prazo, as previsións apuntan a que Galicia continuará baixo a influencia das borrascas, con sucesivas frontes que manterán unha alta probabilidade de precipitacións e un descenso máis acusado das temperaturas a partir do venres. Un escenario que obriga a manter a vixilancia, especialmente en boa parte do litoral, onde a situación seguirá a ser complicada nos vindeiros días.