Semana para lembrar o poeta que dá nome ao CIFP Carlos Oroza e celebrar o Campionato de Sumillería

Pontevedra
04 de marzo 2024

Este luns 4 e o martes 5 de marzo, o restaurante de prácticas do centro ofrecerá un exclusivo menú inspirado na homenaxe gráfica dedicada a Carlos Oroza no libro 'Oroza 100' por prestixiosos artistas. O martes, ademais, comezará a décima edición do Campionato de Sumillería Suso Domínguez

Alumnado do CIFP Carlos Oroza
Alumnado do CIFP Carlos Oroza / CIFP Carlos Oroza

Semana chea de actividades en honra ao centenario do poeta Carlos Oroza que dá nome ao Centro Integrado de Formación Profesional situado na avenida Montecelo. 

Este luns 4 e durante o martes 5 de marzo, o restaurante de prácticas do CIFP Carlos Oroza ofrecerá a partir das 14.00 horas un exclusivo menú inspirado na homenaxe gráfica dedicada ao escritor Carlos Oroza no libro 'Oroza 100' que conta con achegas de artistas como Antón Pulido, Soledad Penalta, Eva Lootz, José Leiro, Julia Llerena ou José Freixanes.

O menú será servido en honra ao exalumnado do centro, que contarán con representación de estudantes que se formaron en diferentes etapas ao longo dos 27 anos de actividade docente do CIFP. 

Na xornada do martes, o menú estará dispoñible para o público en xeral, previa reserva.

Tamén nesa xornada do martes iniciarase a décima edición do Campionato de Sumillería Suso Domínguez. Participarán estudantes procedentes de diferentes puntos de Galicia e Portugal, ademais de comunidades como Madrid, Valencia, Canarias, Andalucía, Murcia e Baleares. En total serán 23 centros participantes neste certame.

Xa o mércores 6 e o xoves 7, o CIFP Carlos Oroza acollerá as probas do campionato coa exhibición das habilidades na sumillería dos participantes.

O venres 8 de marzo celebrarase o centenario de Carlos Oroza, en colaboración coa asociación Évame Oroza. O evento ofrecerá un percorrido pola exposición itinerante dedicada ao autor 'Carlos Oroza, o último xograr', que se atopa no exterior do recinto educativo.

A continuación ofrecerase a comida conmemorativa denominada 'Oroza 100: un percorrido gastronómico polo mundo Oroza' coa participación de representantes culturais, das administracións e profesorado relevante na historia do centro como anteriores responsables na dirección.