Semana Santa con bos resultados de ocupación, malia o mal tempo

Poio
03 de abril 2018

A ocupación hostaleira media na provincia de Pontevedra alcanzou o 68,3% durante a Semana Santa, seis puntos por encima do previsto na estimación realizada antes deste período

Turistas con chuvasqueiro
Turistas con chuvasqueiro / Mónica Patxot

A ocupación hostaleira media na provincia de Pontevedra alcanzou o 68,3% durante a Semana Santa, seis puntos por encima do previsto na estimación realizada antes deste período.

A presidenta provincial Carmela Silva mostrouse satisfeita con estes datos tendo en conta o tren de borrascas que se sufriu durante estas datas que se iniciou coa cicloxénese explosiva Hugo e que finalizou deixando ao mes de marzo como o que rexistrou máis precipitacións durante a última década na provincia.

No Salnés obtivo unha ocupación do 58,13% con picos de 60% en localidades como O Grove ou Sanxenxo. Na comarca de Pontevedra, os datos ascenden ao 83,5%, logrando os mellores resultados da provincia.  

Na comarca de Caldas logrouse unha 85% fronte ao 87 que estaba previsto e no Morrazo alcanzouse un 59% de ocupación definitiva, 15 puntos por encima das estimacións.

A presidenta da  Deputación sinalou tamén que o turismo rural situouse na provincia nun 47,42%.

Pola súa banda, a concellería de Turismo de Poio indicaba que os establecementos hostaleiros tiveron unhas reservas de aloxamento dun 60% de media e o mal tempo foi o culpable de moitas cancelacións durante a Semana Santa.

En canto aos turistas que se achegaron ás oficinas de turismo do municipio, alcanzouse un total de 429 persoas, sendo o 97% de procedencia nacional.