"Sempre houbo, hai e haberá mulleres. Neste libro podes atopalas"

Pontevedra
24 de febreiro 2023

A Deputación edita '365 Días, 365 Mulleres', que nace ante a "sensación de invisibilización" das mulleres e permite que se alguén quere faltar de calquera tema, vexa que "sempre hai mulleres" e sempre atopará referentes femininos. Será "unha ferramenta para que ninguén máis diga que non atopa mulleres"

Carmela Silva presenta '365 Días, 365 Mulleres'
Carmela Silva presenta '365 Días, 365 Mulleres' / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres unha das iniciativas que "máis ilusión" lle fai "como presidenta, como cidadá e como muller", a nova publicación da institución provincial en clave feminina. Trátase de '365 Días, 365 Mulleres', unha recompilación de 365 mulleres ás que entre marzo de 2021 e marzo de 2022 se deu difusión a través das redes sociais.

Desde o 8 de marzo de 2021, a Deputación de Pontevedra publica cada día na súa web e nas súas redes a figura dunha muller tanto galega como do ámbito internacional que destacan pola súa importancia histórica como actual no eido profesional. Agora, acaban de facer a primeira recompilación destas mulleres nun libro con vocación de continuidade que aspiran a que teña unha edición anual

Carmela Silva explicou que esta iniciativa ten unha dobre orixe. Por unha banda, porque na Deputación estaban "cansas, fartas, moi aburridas de ver cada día conferencias, charlas e debates onde en moitos casos só hai participación de homes". 

Segundo explica, sempre protestaban ante esta ausencia de mulleres e a resposta era "non encontramos mulleres", cando a presidenta considera que o que sucede é que "non buscan ben", ou fano "cunha mirada patriarcal".

Por outra banda, xurde en resposta á invisibilización das mulleres no eido educativo, ao constatar que "as mulleres non estamos nos libros de texto, só estamos representadas nun 7% como se non houbera mulleres nas ciencias naturais, nas ciencias sociais, as matemáticas, a física, a economía ou a literatura". 

Ante esa "sensación de invisibilización", nace este libro, que permite que se alguén quere faltar de calquera tema, vexa que "sempre hai mulleres" e sempre atopará referentes femininos

"Sempre, houbo, hai e haberá mulleres. Neste libro podes atopalas", insiste Carmela Silva. E este libro fala de mulleres de todos os eidos da actividade humana: científicas, premios Nobel, mulleres das letras e da comunicación, emprendedoras, directivas, artistas, deportistas, inventoras, descubridoras, das artes plásticas ou da música e activistas.

A Deputación xa editou 1.000 exemplares e vainos enviar aos centros de ensino e clubs de lectura da provincia, ás áreas de Igualdade das comunidades autónomas e do Goberno central e a todos os medios de comunicación, como "unha ferramenta para que ninguén máis diga que non atopa mulleres".