Sen acordo económico entre os comuneiros de Salcedo e Defensa para poñer prezo aos terreos da Brilat

Pontevedra
17 de abril 2013

Nas últimas semanas cruzáronse correos electrónicos nos que o Ministerio de Defensa reclama os comuneiros que soliciten unha cantidade polos terreos. Pero os representantes da comunidade de Montes de Salcedo só queren falar de cifras cara a cara nunha xuntanza

Os comuneiros de Salcedo agardan que ao longo do mes de maio, o ministerio de Defensa os convoque para manter unha nova reunión e chegar a un acordo sobre o prezo dos terreos que a Brilat ocupa na parroquia pontevedresa.

Ata o momento, ambas as dúas partes cruzáronse correos electrónicos. Dende o ministerio reclamaban os comuneiros que lles enviaran por correo o prezo que reclaman polos terreos. Non obstante, os comuneiros negáronse. O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, afirmaba que eles queren manter unha negociación cara a cara cos representantes ministeriais e que eles presenten tamén unha proposta.

Pintos indicou que as autoridades de Defensa están de acordo cos límites territoriais propostos polos comuneros a raíz da sentenza firme que lles confirmaba a propiedade dos torrenos e que, nese sentido, non vai haber ningún problema. Entende que dende o goberno intentan buscar unha solución conxunta para todas as bases militares e espera que en maio sexan convocados para unha nova reunión.

Se este encontro non se produce, a principios de xuño celebrarase a asemblea dos comuneiros e aí tomaranse as medidas que consideren oportunas para forzar o diálogo.

A actual xunta directiva encóntrase xa na parte final do mandato pero, segundo afirmaba Fernando Pintos a PontevedraViva, un amplo número de comuneiros xa mostrou o seu apoio para que a actual directiva continúe ata que finalice o actual proceso sobre os terreos da Brilat.

Arquivado en