Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: dez pacientes con coronavirus en seguimento domiciliario

Pontevedra
01 de xullo 2020

Este mércores 1 de xullo suma o mesmo número de casos activos que o martes. A área sanitaria mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos. Curáronse 893 pacientes, cifra sen cambios desde o 20 de xuño 

Punto de extracción 'Covid Auto' no exterior do Hospital Provincial
Punto de extracción 'Covid Auto' no exterior do Hospital Provincial / Sergas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistrou cambios na súa situación epidemiolóxica nas últimas 24 horas. Este mércores 1 de xullo suma un total de dez casos activos de coronavirus, o mesmo número que o martes.

Segundo a última actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital  do Salnés nin en  QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra. 

Desta forma, os dez casos que permanecen activos en toda a área sanitaria evolucionan nos seus domicilios.

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 893 pacientes, cifra sen cambios desde o 20 de xuño. Ata o de agora faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 313, un menos que o luns. De de eles, 70 son da área da Coruña, 52 da de Lugo, 20 da de Ourense, 10 da de Pontevedra, 128 da área de Vigo, 23 da de Santiago, e 10 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 3 están en unidades de hospitalización e 310 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.633 persoas curadas e rexistráronse 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 185.374 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 314 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.