Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: nove casos activos en seguimento domiciliario

Pontevedra
21 de xullo 2020

A área sanitaria continúa libre de  Covid-19 nos seus hospitais, pois este martes non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos. Desde o inicio do plan de continxencia da  Covid-19 curáronse 902 pacientes, ningún nas últimas 24 horas

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos nove casos activos de coronavirus desde o domingo. Este martes 21 de xullo non se rexistraron cambios na situación epidemiolóxica con respecto ao luns. 

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, todos están en seguimento domiciliario, illados e coa súa evolución baixo vixilancia dos profesionais sanitarios. 

A área sanitaria continúa libre de  Covid-19 nos seus hospitais, pois este martes non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital  do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.

Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 902 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas. 

A nivel autonómico, a Dirección  Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 178, un importante descenso fronte aos 202 que se contabilizaban o luns. Deles, 31 son da área da Coruña, 106 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 18 da área de Vigo, 9 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 171 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.116 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 235.064 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 178 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

 A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.