O IES de Vilalonga volveu lograr, por terceiro ano consecutivo, o primeiro premio do concurso que organiza a Xunta de Galicia con motivo do 25 N, 'Día Internacional contra a Violencia de Xénero'. Este premio pertence á modalidade de audiovisual polo vídeo que leva como título 'Sen cárcere nin carcereiro', protagonizado por alumnas de Formación Profesional Básica de Administrativo e titorizado pola profesora Patricia Díaz González.
O vídeo ofrece un relato en positivo e cheo de enerxía, no que as mulleres se empoderan e evitan o patriarcado social imperante, segundo indican desde este centro educativo de Sanxenxo. O alumnado realizou un traballo para identificar e recoñecer situacións de desigualdade entre mulleres e homes tanto no campo profesional como no persoal.
Desta forma, a peza audiovisual mostra as dificultades coas que se atopan as mulleres para acceder ao mercado laboral en sectores masculinizados, unha situación que se vive na matriculación nos Ciclos de Formación Profesional de Automoción que se ofertan nese mesmo centro, segundo indican.
A idea é denunciar os roles tradicionais asociados ao xénero. As mulleres protagonistas mostran durante o vídeo a súa ganas de gozar da vida sen ataduras e tamén se fai referencia á necesidade dunha nova masculinidade que non consinta nin tolere a violencia de xénero.
O xurado formado por integrantes da Comisión asesora de publicidade non sexista, a Secretaría Xeral de Igualdade, e a Consellería de Educación fallaba estes premios, que serán entregados o próximo 24 de novembro nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela.