Carme da Silva, concelleira de Festas, facía un balance positivo do inicio das Festas da Peregrina 2021, á marxe dos sucesos rexistrados durante o pregón de Violeta Mosquera co boicot protagonizado por persoal de Ence.
A responsable da área de festas en Pontevedra fixo un chamamento á responsabilidade, seriedade e rigor que a actual situación require para seguir gozando da programación prevista para os próximos días. E sinalou que durante a fin de semana non se produciron incidentes durante a celebración tanto das actividades itinerantes pola cidade como dos concertos.
Afirmou que se encheron todos os asentos nos recitais desta fin de semana e que, no caso das pistas de Campolongo, houbo público que quedou fóra dese espazo. "Ese aforo é moi fácil de perimetrar e controlar", sinalou a concelleira indicando que un concerto como no de Bala o público é máis difícil de que permaneza sentado, pero por ese motivo nas pistas está máis controlado evitando que se produzan situacións como noutros eventos musicais nos que os asentos quedan baleiros e a xente permanece no exterior do recinto cun maior risco de aglomeracións.
Da Silva afirmou que as predicións meteorolóxicas non contemplan choivas durante esta semana e sinalou que este ano non se cumpre o refrán de "coa Peregrina, o inverno encima" senón que nesta ocasión, a celebración "trouxo o verán".
Na noite deste luns 9 está prevista a actuación ás 22.00 horas de Pol Granch na praza de España mentres que na Ferrería actuará Xisco Feijoó ás 21.00 horas e nas pistas de Campolongo, Dani & Kimberley Tell, a partir das 22.30 horas. Como todos os días da semana haberá sesión de fogos artificiais sorpresa a partir das 00.00 horas nalgún punto da cidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.