Sen motivos para a relaxación con 63 pacientes con covid-19 nas UCI galegas, un de só 16 anos

Pontevedra
18 de agosto 2021

"Non acabamos de ver esa baixada tan ansiada na ocupación da UCI", recoñeceu o titular de  Sanidade, que indicou que a persoa de maior idade nestes momentos nunha UCI galega ten 68 anos e hai pacientes en estado crítico con covid-19 de 20, 23, 28, 30, 31 e 35 anos. Con estes datos, "non podemos baixar a garda"

Alberto Nuñez Feijóo e Julio García Comesaña
Alberto Nuñez Feijóo e Julio García Comesaña / Xunta de Galicia

A incidencia acumulada de casos positivos de covid-19 continúa cunha "evolución favorable" en Galicia, situándose nestes momentos en 166 casos por cada 100.000 habitantes a sete días e 426 a 14, con tendencia á baixa en todas as áreas sanitarias. Fálase de importantes baixadas, do 34% e do 24% con respecto aos datos da semana pasada. E, con todo, non hai motivos para a relaxación. 

Así o sinalaron este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores, que deron conta da reunión do comité clínico de expertos que asesoran á Xunta de Galicia na xestión da pandemia. 

José Flores indicou que se continúa mantendo a tendencia de baixada en todos os niveis asistenciais, pero García Comesaña quixo chamar a atención sobre a situación das unidades de críticos, pois nas UCI dos hospitais galegos hai 63 pacientes -4 deles no Hospital Montecelo de Pontevedra- e algúns deles moi novos. O paciente de menor idade hospitalizado nunha destas unidades ten tan só 16 anos. 

"Non acabamos de ver esa baixada tan ansiada na ocupación da UCI", recoñeceu o titular de Sanidade, que indicou que a persoa de maior idade nestes momentos nunha UCI galega ten 68 anos e hai pacientes en estado crítico con covid-19 de 20, 23, 28, 30, 31 e 35 anos. Con estes datos, "non podemos baixar a garda". 

O integrante do comité clínico Pedro Rascado, xefe da UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela chamou a atención sobre o feito de que moitos dos pacientes que están críticos non pensaron que acabarían nesta situación pola súa mocidade e por carecer de patoloxías previas, pero o seu estado grave de saúde demostra que "lle pode ocorrer a calquera".

Si melloran as cifras en parámetros como o número reprodutivo instantáneo, pois na actualidade todas as áreas sanitarias galegas están por baixo de 1. Tamén na taxa de positividade, que queda situada ao redor do 9.5%

 O comité clínico fai unha chamada á precaución e tamén a que se asista ás probas de autotest para axudar a detectar casos asintomáticos e, desta forma, frear a expansión.