1,4 millóns para crear unha senda peonil e ciclista e unha glorieta en Marcón

Pontevedra
20 de xuño 2026

A Xunta licitará o luns a nova senda peonil e ciclista conxuntamente coa construción da rotonda

Anuncian a licitación dunha nova senda en Marcón

A Xunta de Galicia licitará o vindeiro luns, 22 de xuño, as obras para a construción dunha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-542, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Marcón.

O proxecto contará cun investimento de 1,4 millóns de euros, financiados con fondos europeos FEDER, e permitirá mellorar a mobilidade sostible e a seguridade viaria nun dos principais accesos á cidade.

O anuncio foi realizado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante unha visita á zona de actuación, na que estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.

A actuación contempla a creación dun itinerario peonil e ciclista de case un quilómetro de lonxitude que conectará os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón.

Segundo explicou Allegue, a nova infraestrutura facilitará os desprazamentos a pé e en bicicleta e mellorará o acceso a equipamentos públicos da contorna, como o colexio, a igrexa ou o polideportivo da parroquia.

Ademais da senda, o proxecto inclúe a construción dunha glorieta de 30 metros de diámetro exterior coa finalidade de incrementar a seguridade viaria e favorecer unha maior fluidez do tráfico neste punto da PO-542.

Tamén se acometerán actuacións complementarias, como a eliminación de carrís centrais de espera para os xiros á esquerda, a mellora das interseccións existentes, a habilitación de espazos de aceleración e desaceleración nos accesos e a instalación de dous novos refuxios para usuarios do transporte público.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 20 de xullo. A conselleira avanzou que a Xunta tratará de axilizar ao máximo a tramitación para proceder á adxudicación dos traballos, que contarán cun prazo de execución de 18 meses unha vez iniciadas as obras.

Durante a súa intervención, Allegue enmarcou esta actuación na aposta do Goberno galego pola mobilidade sostible e segura, e lembrou outras intervencións xa executadas no municipio, como as sendas de Xeve, así como a que actualmente se está a desenvolver entre Mollavao e Os Praceres.

"Continuaremos dando pasos nestas sendas que contribúen á nosa Galicia Calidade", sinalou.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra agradeceu á conselleira a recuperación dun proxecto que levaba anos pendente. "Quero dar os parabéns á conselleira por retomar un proxecto que levaba anos en Pontevedra. Non é o primeiro que retoma, polo tanto parabéns por atender as demandas de Pontevedra", afirmou.

Fernández Lores expresou tamén o apoio do Concello a todas as actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria, aínda que aproveitou para trasladar unha demanda municipal relacionada coa contorna da igrexa de Marcón.

O rexedor considera necesario ampliar o proxecto para incorporar unha plataforma elevada destinada ao calmado do tráfico nun tramo onde os vehículos adoitan circular a gran velocidade e que rexistra unha importante afluencia de persoas debido á actividade da igrexa e do aparcadoiro existente nas súas inmediacións.