Sendeirismo e convivencia na Fracha para concienciar sobre a diabete infantil

Pontevedra
12 de abril 2015

As rotas de sendeirismo mensuais que realiza Anedia chegaron este sábado á Serra da Fracha, onde decenas de familias tiveron a oportunidad de gozar do contacto coa natureza e as vistas sobre todo Pontevedra ao tempo que practicaban deporte. Contaron coa colaboración da plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha'

III Rota de Sendeirismo de Anedia pola Serra da Fracha
III Rota de Sendeirismo de Anedia pola Serra da Fracha / Anedia

As rotas de sendeirismo mensuais que realiza a asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (Anedia) chegaron este sábado á Serra da Fracha, onde decenas de familias tiveron a oportunidad de gozar do contacto coa natureza e as vistas sobre todo Pontevedra ao tempo que practicaban deporte e concienciaban sobre a diabete en idade infantil.

Os integrantes de Anedia contaron coa colaboración da plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha', que loita contra o proxecto da autovía A-57 e o impacto irreversible que terá sobre o espazo natural e patrimonial da Fracha.

Ambos os dous colectivos recalaron na area recreativa do Outeiro Navío ao mediodía e participaron nun ⿿picnic⿿ colectivo en contacto coa natureza ao que tamén asistiron outros colectivos como Marea Pontevedra ou a plataforma constituida contra o proxecto da planta de compostaxe da Canicouva.

A partir das 16.00 horas, realizouse a III Rota de Sendeirismo de Anedia, que guiou o atleta con diabete Diego Castro durante pouco máis de dúas horas nas que persoas coñecedoras da zona compartiron cos camiñantes as singularidades desta serra, a única que ten o Concello de Pontevedra, e as distintas lendas e historias do lugar.

A convivencia rematou na mesma área recreativa cunha merenda e xogos populares nos que tamén estivo presente a deportista Susana Ruíz Mostazo, que pola mañá impartira unha charla-coloquio na Casa das Campás sobre o dobre reto de facer montañismo tendo diabete dende os 11 anos. Compartíu as súas experiencias escalando o Himalaya ou desprazándose polos glaciares de Groenlandia.

A actividade tiña como finalidade trasladar á sociedade en xeral e aos nenos con diabete en particular que a súa enfermidade non supón un impedimento para poder cumprir os seus soños e facer fronte aos retos que se marquen. O mesmo obxectivo é o que perseguía o concurso escolar de debuxo 'Diabete e Deporte' organizado por Anedia en colaboración coa Concellería de Educación e Deporte do Concello de Pontevedra, do que este sábado se reuniu o xurado para elixir aos gañadores.