Pontevedra incorporará tres novas denominacións ao seu rueiro. Farao mantendo o seu criterio de conservar a toponimia tradicional municipal e o seu compromiso para que máis mulleres -actualmente só o 11,76% do total de rúas- teñan este recoñecemento.
Así, a coñecida como Rolda Leste, o viario de acceso a Montecelo desde O Marco, será rebautizada como Avenida das Chans e unha rúa perpendicular a Juan Bautista Andrade, á altura dos números 50 e 52, pasará a ser a Rúa Veigas do Covo.
A proposta dos colectivos sociais de Salcedo, pola súa banda, a rúa aberta polos antigos terreos do ONCE en Campolongo, entre Luís Braille, Santa Lucía e Pintor Urbano Lugrís, recibirá o nome de Rúa de Josefa Vázquez Juncal, a Señora Pepa.
Estes cambios, que o goberno municipal levou ao pleno deste luns, foron apoiados polo cinco edís do PSdeG-PSOE. O PP votou en contra de todos eles.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, defendeu que estas tres denominacións "fan xustiza á memoria de Pontevedra" ao conseguir manter a descrición do territorio que fixeron os nosos antepasados e ao reparar a figura dunha muller represaliada polo franquismo.

No caso de Veigas do Covo, Gómez explicou que no estudo toponímico realizado en Pontevedra aparecen numerosas referencias a O Covo nesa zona, polo que "é unha boa opción que manteñamos a memoria dos veciños que aínda hoxe lembran que se chamaba así".
Da mesma maneira, subliñou que As Chans "é a máis acaída" para a Rolda Leste porque "reflicte unha denominación moi antiga", antes da súa división en parcelas e permite ademais conserva unha "forma dialectal" das Rías Baixas, o plural feminino en 'ans' e non é 'ás'.
"Esta toponimia mantén a memoria non só das persoas que aínda viven aí senón que vai contra a tendencia de perda de variedade que afecta a todas as linguas do mundo", asegurou o concelleiro do BNG en relación coa "norma estándar" que se impón no galego.
A Rúa da Señora Pepa, ademais de "reparar o que sufriu" esta muller tan querida e respectada en Salcedo, segundo Demetrio Gómez, "manda unha mensaxe de solidariedade a todas as persoas que como ela axudaron a levantar Pontevedra co esforzo das súas mans".
Josefa Vázquez Juncal, lembrou o edil, foi unha muller "incansable" e moi implicada coa loita por mellorar a vida dos traballadores, especialmente desde a sociedade de agricultores de Salcedo, para quen bordou a bandeira que lles deseñou Castelao.
Tras o golpe de estado, debido a ese compromiso, o seu fillo foi asasinado e arrichado a unha fosa común en Salcedo e o seu marido e as súas dúas fillas foron a prisión. Pagou "inxentes sumas de diñeiro" para liberar ás súas fillas, Fina e Tucha, "porque sabía da calaña das persoas que tiña enfronte".
"É de xustiza que Pontevedra lle renda unha homenaxe a esta muller adicándolle unha rúa tan próxima ao lugar onde tanto viviu, traballou, amou e sufriu", sentenciou Gómez, que lembrou a súa "vida exemplar" como costureira e vendedora de ferramentas en feiras.

O socialista Iván Puentes tachou como un "acerto" a denominación escollida para este tres viarios porque coincide en que é "prioritario" manter a toponimia propia de cada lugar "porque é a mellor forma de que non se perda", xa que moitas veces só subsiste a nivel oral.
A iso sumou a necesidade de dedicarlle rúas do municipio a persoas que "merecen un recoñecemento público" e máis cando, neste caso en concreto, a proposta "sae da xente que vive neses sitios", ao entender que lle dá un "plus de lexitimidade".
Ademais, a homenaxe á Señora Pepa ten unha "forza adicional", a de encarnar na súa persoa "todo o cúmulo de torturas, de vexacións e de ataques á liberdade que o franquismo perpetrou neste país durante corenta anos de ditadura".
Desde o Partido Popular foi Pepa Pardo a que xustificou o voto en contra da súa formación. Sostivo que os populares se negarán a calquera proposta de denominación de rúas ata que se cumpra o acordo plenario para incorporar a Magín Froiz ao rueiro pontevedrés.
"Lo único que reivindicamos es que se de a Magín Froiz la calle que se merece", defendeu Pardo, que engadiu que "no tenemos nada en contra" nin dos topónimos tradicionais nin dos nomes escollidos para estas tres denominacións.
Iso si, advertiu que nas filas populares manteranse "firmes" neste criterio que adoptaron ata que se aprobe a rúa que recibirá o nome do empresario pontevedrés "porque la voluntad popular manifestada en aquel pleno fue unánime".
A este respecto, Demetrio Gómez lamentou que desde o PP non saíse "nin a máis mínima palabra de alento, de ánimo ou de orgullo" cara á Señora Pepa, tras o cal garantiu que "por suposto" que se proporá unha rúa para Magín Froiz porque "si a merece".
Iván Puentes, pola súa banda, asegurou que "flaco favor" lle fai a corporación a Froiz convertendo este asunto nunha "arma de confrontación política" e discutindo "quen ten máis méritos" para formar parte do rueiro da cidade.
"Lo que nosotros no queremos es confrontar. Eso lo hacen ustedes", replicou Pepa Pardo, que acusou a BNG e PSOE de "meter de urgencia" este asunto no pleno ante a proposta do PP de dedicarlle a Froiz xusto a rúa que se nomeará como Señora Pepa en Campolongo.
A ratificación da rúa en memoria de Josefa Vázquez Juncal, cos votos favorables dos concelleiros nacionalistas e socialistas, arrincou un longo aplauso entre os asistentes ao pleno, entre eles numerosos familiares, amigos e veciños da Señora Pepa.