Como cada 16 de xullo a xente do mar celebrou ao grande a festividade do Carme, patroa dos mariñeiros, con actos e procesións marítimas en diferentes localidades costeiras.
Con todo, unha das celebracións foi especial este ano, a de Poio, onde todos e cada un dos presentes tiñan no recordo aos tres veciños falecidos recentemente na ría de Pontevedra no naufraxio dos Nuevo Marcos.
A Confraría de Pescadores San Gregorio de Raxó organizou a xornada, cuxo acto principal foi a procesión marítima que partiu ás 18:15 horas dos portos de Campelo e Combarro.
As embarcacións dirixíronse cara a Tambo polo exterior de Punta Corbeiro, onde se realizou unha ofrenda floral, para continuar cara á Escola Naval de Marín e deterse de novo na zona de bateas, lugar do naufraxio e onde se homenaxeou aos falecidos antes de volver a porto.
O recordo á traxedia do Nuevo Marcos complétase coa inauguración dun monolito no peirao de Campelo en memoria de todas as persoas que entregaron a súa vida ao mar ao longo dos anos.
En Poio a celebración do Carme contaba ademais con pasarrúas, oficio relixioso e coa verbena prevista ás 22:00 horas na Praza da Chousa de Combarro.