O Sergas responde ás críticas de falta de médicos en Sanxenxo: reforzaron o servizo con catro este verán

Sanxenxo
13 de agosto 2025

A dirección da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sinala que o servizo de atención primaria reforzouse con ata catro médicos, persoal de Enfermaría e persoal de servizos xerais -PSX-

Centro de Saúde de Baltar
Centro de Saúde de Baltar / Concello de Sanxenxo - Arquivo

A dirección da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés respondeu este mércores as críticas dos últimos días da plataforma SOS Sanidade Pública pola falta de médicos en Sanxenxo. 

Desde o Sergas sinalan que o servizo de Atención Primaria do Concello de Sanxenxo reforzouse durante o actual período estival con ata catro médicos, persoal de Enfermaría e persoal de servizos xerais -PSX-.

Engaden tamén que o Punto de Atención Continuada que atende á poboación para a cobertura de urxencias extrahospitalarias está reforzado pola área sanitaria de luns a domingo, tendo dous ou tres equipos dispoñibles, dependendo da xornada. 

Aseguran que todas as ausencias dos médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria cóbrense con prolongacións de xornada, dada a inexistencia de profesionais con esta especialidade dispoñibles nas listas de contratación para poder efectuar substitucións. 

A dirección da área sanitaria "desminte e rexeita" que se escatime en contratacións e explica que isto pode verse co reforzo de diferentes categorías durante o período estival neste centro de saúde sanxenxino.

Ademais, os outros centros pertencentes a este servizo de atención primaria como pode ser Vilalonga ou Dena, dispoñen de cobertura médica igualmente

Así, sinalan que no centro de saúde de Vilalonga, a recente xubilación dun dos seus médicos foi coberta de xeito inmediato por unha nova incorporación dun especialista en medicina familiar e comunitaria procedente de fóra de Galicia.

Tamén insisten en que manteñen a cobertura asistencial de pediatría en todos os centros deste servizo de atención primaria de Sanxenxo.