O servizo de 'coche de punto' deixará de ser gratuíto a partir do luns 17 de febreiro

Pontevedra
04 de febreiro 2025

A partir do luns 17 de febreiro cada servizo do 'coche de punto' entre o rural e a cidade custará 2,15 euros e o resto do billete sería subvencionado polo Concello de Pontevedra

Tres usuarios do 'coche de punto' á súa chegada a Pontevedra
Tres usuarios do 'coche de punto' á súa chegada a Pontevedra / Mónica Patxot

A partir do luns 17 de febreiro deixará de ser gratuíto o servizo de taxi na modalidade de transporte a demanda denominada 'coche de punto'.

O pasado 7 de outubro comezou a funcionar este servizo que une a cidade co rural mediante un taxi compartido por varias persoas usuarias con cobro individual.

Os usuarios son veciños de Pontevedra que teñen a súa residencia en zonas de baixa densidade, con tráfico débil e ou sen as mínimas condicións de accesibilidade na periferia e o rural.

A partir do luns 17 de febreiro cada servizo custará 2,15 euros e o resto do billete sería subvencionado polo Concello.

Deste xeito, 2,15 euros é o prezo máximo que, de maneira global, terá que pagar cada unha das persoas que se suba ao vehículo, que poderá ser compartido por varios pasaxeiros.

Haberá bonificacións para diferentes segmentos de poboación, sobre todo para os menores de 10 anos, que viaxarán gratis. As persoas xubiladas e desempregadas terán descontos do 40% e do 25%, respectivamente.

Ademais, atendendo á alegación presentada por Amizade, as persoas cun grao de discapacidade recoñecido superior ao 33% terán unha bonificación do 50% respecto ao importe do billete ordinario.

As arcas municipais asumirán un custo fixo de 3,75 euros por cada viaxe, o mesmo que costa a actual baixada de bandeira dos taxis durante o día.

A este diñeiro sumarase unha cantidade variable, que se fixou nos 1,08 euros por quilómetro percorrido entre as quince parroquias do rural e o centro da cidade.

O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera informou que o Concello de Pontevedra está a estudar a proposta da asociación de taxistas da cidade para marcar uns puntos de recollida da clientela nas parroquias.

Tamén se estudará a posibilidade de limitar o número de viaxes por usuario ao mes, para evitar que este servizo compita con outras formas de transporte público.

O 'coche de punto' de Pontevedra está operativo de luns a venres, en horario de mañá de 7.00 a 10.00 e de 12.00 a 14.00 horas.

Para ser usuario hai que darse de alta no servizo municipal. Cada potencial cliente recibirá unha clave coa que poderá contratar o taxi.

Todas as reservas hai que facelas polo menos o día anterior ao servizo a través das plataformas a páxina web (cochedepunto.gal), a aplicación para móbil ou do 986 07 00 66 (chamando entre as 18.00 e as 20.00 horas).